venres, 27 de maio de 2011

Nathaniel Dorsky no CGAI



En febreiro de 2009 fun en peregrinación a Pamplona para ver a obra de James Benning, de quen naquela altura podía recomendar apenas catro filmes, e moi lonxe das condicións idóneas de visionado. Nesa edición do festival Punto de Vista acabei indo, case ao chou, á primeira proxección española de Lunch Break de Sharon Lockhart. Dou fe, porque estaba alí, de que aquela sesión fundacional non foi precisamente multitudinaria; eramos máis, en calquera caso, que os que gozamos hai uns meses na Coruña con Double tide: creo que lles podería dicir o nome de todos os espectadores presentes.

Benning e Lockhart son hoxe apelidos familiares para os cinéfilos esixentes; falamos deles con naturalidade, como se se tratara de vellos coñecidos, mais o certo é que hai dous ou tres anos só uns poucos sabían deles, e de maneira moi parcial. Igual e máis recente é o caso de Peter Hutton, un estudoso da paisaxe cuxa filmografía descubrimos na pantalla do CGAI da man de Carlos Muguiro, comisario da magna retrospectiva. O próximo nome que nos será revelado é o de Nathaniel Dorsky, que presentará a semana que vén na cinemateca galega a súa obra case completa, formada por curtametraxes en 16mm que deben ser proxectadas á “sacred speed” de 18 fotogramas por segundo. Tamén é o autor dun libriño impagábel, Devotional cinema, máis un manifesto que un ensaio con vontade académica no que reflexiona de maneira apaixonada e poética sobre o tratamento do tempo e a montaxe, empregando directores lendarios coma exemplo (Dreyer, Ozu, Antonioni, Rossellini, Godard, Ford).

Xa o saben: en 2011 o home a seguir é Dorsky. E terán que velo ao vivo: dos seus filmes non van atopar nin sequera un anaquiño en Youtube.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 27 de maio en Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario