Ao ser un filme tan vasto, custa imaxinar como comezou, como nace. Cal foi a idea inicial e como foi medrando?
Eu encontro a orixe na primeira rodaxe que fixen, un documental chamado Bab Sebta, en que filmei no Norte de Marrocos e na Mauritania os tempos de espera das persoas que tentaban a entrar en Europa. Foi unha rodaxe reveladora mesmo para a miña visión política, a pesar de que xa dende antes estaba envolto de forma activa coa idea dunha Europa que se impón ao resto do mundo e exclúe do seu privilexio a todo aquel que quere facerse á vida. Tiven unha serie de impactos e de encontros que me fixeron entender moitas cousas, mais sobre todo me ensinaron a ollar dende fóra o lugar onde eu nacín e comprender que as persoas que ven dende fóra ese centro de produción de imaxinarios, de discurso e dunha certa hexemonía cultural teñen acceso a unhas capas que os que o vemos dende dentro non temos.
Despois creei unha relación moi forte coa Mauritania e, máis tarde, coa Guiné-Bissau. A certa altura, após descubrir este universo da “industria da cooperación”, un nome que non é alleo ás persoas que alá traballan, úsano a diario, falan “da industria”, “da nosa industria”, eu fiquei con vontade de facer un documental sobre esas ONGs e esas empresas. Un amigo enxeñeiro ambiental en Lisboa conseguiu un traballo no norte da Guiné-Bissau nun proxecto de bombas de auga, e alá marchamos en 2010 dous, tres amigos, que dese xeito dispuñamos dunha base loxística mínima, unha casa, un coche, e aquel salario mensual que daba para compartir entre todos. Fomos cunha cámara e unha gravadora de son e ficamos atropelados pola realidade que iamos filmar. O primeiro día da rodaxe vivimos a escena das latrinas (como a que sae na película) e foi tan humillante, sentimos todos unha vergonza tan grande de estar alí e observar aquilo, a percibir que aquela arrogancia, aquela violencia era posíbel aínda nos días de hoxe, que non conseguimos filmar ningún día máis. Acabamos por vivir alá catro meses, mais á procura de saber se tiña sentido ou non estar alí. Iso foi ficando esquecido, foi ficando adormecido, mais sempre regresaba (...)
Martin Pawley. Entrevista publicada no Nós Diario do 25 de abril de 2026. Podes ler a entrevista completa no sitio web do xornal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario