Werner Herzog fotografado pola súa esposa Lena Herzog (Imaxe: Blackie Books) |
No prólogo das súas apaixonantes memorias, publicadas no Estado español pola editorial Blackie Books, Werner Herzog recorda que xa empregou o título que lle puxo ao libro, o mesmo que leva este artigo, nun dos seus filmes máis valiosos e celebrados, o que dedicou á figura real de Kaspar Hauser, que viviu toda a infancia e adolescencia en completo illamento, sen contacto con humanos, e cuxa aparición pública no século XIX xerou inmensa curiosidade e controversia. Empregouno con pouco éxito, iso si, pois "case ninguén foi capaz de reproducilo con exactitude" e o filme foi as máis das veces citado polo nome do personaxe protagonista. Este segundo intento non agocha a lixeira contradición implícita no seu uso, pois se ben parece apuntar a condición do autor de "lobo solitario" hai en todo momento un recoñecemento expreso de que sempre estivo rodeado por compañeiros de traballo, familia e mulleres, sen as cales "só sería unha sombra de min mesmo". Un dos máis gratos alicientes do libro é, de feito, o perfecto equilibrio entre a lenda dun cineasta afeito a experiencias e aventuras extremas que, para os que non temos a intrepidez como característica, rozan case o suicida, coas rodaxes de Aguirre, a ira de Deus e Fitzcarraldo como exemplo paradigmático, e a naturalidade coa que permanentemente desdramatiza esa lenda. Herzog divírtese –e divírtenos– con todas as batalliñas que lle queremos ler, incluídas as loucuras de Klaus Kinski, mais de fondo hai unha vontade honesta de dicirnos que "non foi para tanto". Lonxe do cinismo e da impostura e máis interesado na verdade ca nos feitos, na súa prosa brillante, xenerosa e xusta agroma o abraio de quen tivo a oportunidade (ou fixo por tela) de visitar
lugares extraordinarios e tratar figuras eminentes, de Ryszard Kapuscinski e Bruce Chatwin a Roger Penrose. Para alén da épica das grandes peripecias, Herzog encontra no cotián suxestivas "minas poéticas", dito cunha expresión roubada a Bernardo Atxaga, e así as súas páxinas adquiren grande altura literaria cando pecha abruptamente o libro entretido polo voo dun colibrí, evoca a primeira vez que comeu unha laranxa ou relata emotivas anécdotas relacionadas coa perda da cabeza do avó Rudolf, que acabou por non coñecer a súa propia
esposa. Un serán este presentouse á hora da cea vestido con inusual elegancia, con traxe e garabata. Logo do primeiro prato, dobrou coidadosamente o pano de mesa e ergueuse mentres lle dicía á muller cunha reverencia "Señora, se non estivese xa casado, agora mesmo lle pediría matrimonio".
Nacido en Múnic o 5 de setembro de 1942, Werner Herzog tiña dúas semanas cando a súa nai decidiu marchar cos fillos a unha vila remota nas montañas de Baviera para escapar da guerra, aterrada logo de descubrir o bebé no berce cuberto por cristais rotos e cascallos, milagrosamente ileso após un ataque aéreo. O futuro creador de non poucas obras mestras –se tiver que elixir só unha, escollería Terra de silencio e escuridade– criouse no campo "rodeado de miseria", en condicións de extrema precariedade das que non era ben consciente pois aquilo, para el, era o normal. A vida canda o irmán maior Tilbert transcorría case exclusivamente ao aire libre; aprendíano todo "sen instrucións". "Pertenzo a unha xeración en certo sentido singular", escribe. Conviviu con labregos que traballaban da mesma maneira ca na Idade Media e viu a transición cara a unha agricultura industrializada. De cativo había heraldos que anunciaban ordenanzas e nomeamentos a viva voz e el mesmo non fixo unha chamada de teléfono até os dezasete anos, mais co curso do tempo foi testemuña dos inicios da era dixital e da chegada de Internet, os contidos presentados por algoritmos e a emerxencia da intelixencia artificial. "Nunca na historia houbo tal concentración de cambios radicais, nin podo imaxinar as xeracións vindeiras experimentando tantos trastornos fundamentais nunha soa vida". Dou fe de que lle escoitei cousas moi parecidas aos escritores galegos Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz. Por iso e por como expresa a preocupación pola desaparición das linguas, a súa dificultade para tirar a comida, "sobre todo o pan", ou como aínda hoxe é quen de muxir unha vaca (e de identificar, só ao velas, as persoas que saben facelo), o admirado Herzog revélase, ademais, insuperabelmente próximo para alguén da Terra Chá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario