luns, 9 de febreiro de 2015

Observatorio Audiovisual de Galicia

Non cabe outra que dar a benvida á chegada do Observatorio Audiovisual de Galicia (OAG). Un ente que ten como elemento especial a heteroxeneidade na súa formación incidindo no transversal en vez de -como se viña facendo ata o momento- abusar da especialidade. Os seus membros teñen diferentes roles dentro do sector audiovisual: directores, produtores, técnicos, críticos, programadores... Distintas perspectivas e sensibilidades unidas no obxectivo de achegar análise, suxestións e algo de cordura ante a regresión imparable consecuente á aplicación de tanta política de derrubamento.

O OAG quere ser punto de encontro para distintos pareceres, non só daqueles que conflúen senón tamén servir de mediador para aqueles que posúen os medios e poder de decisión para mudar as cousas. Esta suma de visións provoca o debate; o contraste motiva a argumentación e o estudo. As reflexións, tras pasar pola peneira do consenso, materialízanse finalmente en textos co propósito de serviren coma motores de cambio. Desta maneira o OAG promove o diálogo, a información e o asesoramento a xentes do sector, asociacións gremiais, institucións culturais e educativas, medios de comunicación, organismos administrativos e grupos políticos.

A idea de constituír un observatorio en Galiza non é nova. Ao longo das últimas décadas houbo outros observatorios e organismos encargados de velar polo rexistro dos resultados en tempos de bonanza, cando se cría que o audiovisual en Galiza era un sector estratéxico e lle agardaba un gran futuro. Mais o OAG xorde nunha época totalmente distinta, nun período de recesión onde o sector está a vivir un auténtico pesadelo, onde as predicións erraron e onde ante tanta inestabilidade é preciso un proceso de definición constante para atallar as sorpresas do futuro. A esta situación ontolóxica hai que sumar un contexto apocalíptico dominado por unha fonda crise económica, política e social. Neste escenario nace o OAG, unha ferramenta pensada para mellorar a situación actual velando polas boas prácticas.

Mais non se pode eludir nomear cal foi a espoleta que fixo detonar a creación o OAG: a nefasta política audiovisual da Xunta de Galiza. Os actuais responsábeis políticos e técnicos da AGADIC amosaron unha incapacidade manifesta para facer o que eles entenden por política audiovisual: a xestión das axudas. Malia ser a única cousa da que se encargan os textos que se publicaron en 2014 foron extremadamente deficientes, sobre todo o que corresponde ás axudas de talento. A indignación suscitada por esa convocatoria provocou a necesidade de actuar para intentar frear a repetición deste tipo de desastres.

Nas últimas comparecencias do Parlamento de Galiza relacionadas co sector os responsables políticos botaron man de novas publicadas en medios de comunicación. Ante este panorama optouse por que o OAG producira informes nos que dar unha visión máis fidedigna do que acontece no sector. O traballo do OAG está avalado polo rigor e a metodoloxía científica intentando evitar os xuízos de valor para que as súas conclusións sexan máis contundentes e incontestábeis. Mais este non é o seu fin. Estes informes son só o principio para unha ronda de diálogo con outros axentes do sector, especialmente coa administración, bases de consulta para quen o considere e, finalmente, a base para futuras “observacións”.

Ata a actualidade o seu traballo pódese inventariar nun primeiro informe sobre o trato discriminatorio que fai a TVG ás curtametraxes, un comunicado en resposta á intervención de Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, no Parlamento de Galiza e un segundo informe que afronta de forma especialmente pormenorizada a desfeita que foi a convocatoria das axudas de talento 2014 redactada pola AGADIC. O que está no aire é canto tempo vai continuar coa súa actividade o OAG xa que se sustenta unicamente no esforzo e o voluntarismo dos seus membros. O que si sabemos é que a súa sombra nutrinte é aconsellábel para calquera política audiovisual que se intente por en práctica en Galiza.

Xurxo González. Publicado en Novas de Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario