mércores, 23 de xullo de 2014

As axudas de talento

Coa “popularización” da etiqueta do Novo Cinema Galego case todo o mundo se remite ás tan cacarexadas “axudas de talento”, unha liña de axudas da que partiron os filmes e os cineastas que sacudiron a historia recente do cinema galego. Mais pouca xente sabe da súa orixe, quen foron os seus artífices, como evolucionaron e en que estado se atopan na actualidade.

Para fixar o comezo hai que remontarse á chegada ao goberno do bipartito, alá polo 2005. Malia a división de competencias no eido da produción, e da man da Axencia Audiovisual Galega, rompeuse a inercia da defensa do “modelo gallego” de coprodución da época Fraga ao abrir máis liñas de axudas, subir as contías, amosar claridade do proceso e arroupar todo con proxectos complementarios. O artífice foi Manolo González, que pretendeu que xermolara unha nova póla dentro da árbore monolítica e anacrónica do sector audiovisual galego. Para iso deseñou unhas axudas ás que puideran acceder persoas físicas sen necesidade de estar apoiadas por unha produtora. Dentro do texto da convocatoria había tres paradigmas estéticos polos que se guiar: códigos narrativos, unha rodaxe creativa e unha mirada potenciada do director. Todo isto foi un duro golpe a concepción tradicional do cinema en Galicia mais aínda quedaba moito por percorrer.

Desde un principio fíxose gala desta intención aperturista facendo sub-liñas de apoio a mulleres, a menores de 18 anos e a producións que tratasen o tema da memoria. Estes desexos correctores chocaron de fronte coas inercias conservadoras da administración que non estaba preparadas para que se “saltaran o guión”. Nas convocatorias de 2006, 2007 e 2008 houbo unha loita sen cuartel para intentar cadrar este novo espírito. Durante este período os creadores aínda tiñan que xustificar as axudas con facturas como se foran unha empresa, o cal carrexou moito desgustos e choros. A Lei de Subvencións de Galicia non estaba preparada para esta variable. Foi entón que se considerou cambiar a procedencia da partida económica destas axudas: que pasase do capítulo 7 destinado a subvencións ao capítulo 4 de onde procedían os gastos xerais. Ou sexa: reducindo o gasto en folios e en clips púidose sacar unha liña de axudas chamada a cubrir de gloria a cultura galega contemporánea.

Mais estes logros xa non os recollería o bipartito. As preseas pasaban directamente á solapa do goberno do PP. Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe chega a Cannes en 2010 e despois unha chea de filmes galegos encamiñan longos percorridos por distintos festivais internacionais. Un agasallo inesperado que non souberon dirixir. Desde 2010 as axudas de talento esmorecen progresivamente. As contías destinadas descenden de xeito alarmante pasando dos 400 mil euros en 2009 aos 65 mil en 2013. Os recortes en cultura espallaron o terror mais a tesoira cebouse en exceso nas axudas de talento, que chegaron incluso a non ser convocadas en 2012.

Ese ano organizouse un colectivo en defensa das axudas de talento para evitar a súa desaparición. Unha acción semellante á realizada en 2011 na que se fixo unha recollida de sinaturas para conter o efecto destrutivo do goberno do PP. Con estes dous enroques quíxose dar a coñecer os beneficios deste tipo de axudas. O colectivo deu a coñecer unha serie de demandas para que a administración as tivese en conta e mellorar a convocatoria e o seu encaixe no sector. A defensa de 2012 fracasou coa promesa de que o ano seguinte ían saír, como así foi, unha convocatoria testemuñal destinada a curtametraxes.

As axudas de talento foron o froito máis destacado dunha política audiovisual que emprega a imaxe en movemento como ferramenta que aporta cohesión ao territorio e a identidade dun país. Estas achegas económicas foron unha excelente política de I+D+I para o sector cinematográfico xa que gracias a elas retornaron moitos dos directores que estudaban fóra de Galicia. Crearon un abondoso magma creativo que mesmo impulsou a produción fóra das axudas. O apoio institucional favoreceu que moitos cineastas e filmes tiveran unha relevancia internacional. Mais os nomes coñecidos simplemente eran o pico do iceberg, outros filmes e directores que non tiveron ese eco internacional tamén foron partícipes desta efervescencia creativa.

O estraño é que a pesar de ser unha fórmula testada cun éxito incuestionable a administración que a creou nin a apoia nin a defende, ou que outras institucións de maior calado non a copien e a trasladen aos seus territorios. Resulta moi complicado atopar políticas audiovisuais efectivas mais as axudas de talento postas en marcha pola Xunta de Galicia son a constatación de que poden ser unha ferramenta excelente para atallar o futuro da disciplina.

Xurxo González

Ningún comentario:

Publicar un comentario