"The musical is back”, berrou Hugh Jackman ao final dun dos números musicais da cerimonia dos Oscars. Menos retranca e máis cancións; traian unha orquestra porque comeza o espectáculo, que hai que levantar os ánimos e para iso non hai nada tan eficaz como unha coreografía sofisticada. Na procura dun novo New Deal Hollywood regresou ás esencias e cambiou a Jon Stewart por Busby Berkeley, premiou o Gus van Sant máis didáctico e fixo de Slumdog millionaire a triunfadora do ano. O filme de Danny Boyle é world cinema no peor sentido, si, mais custou quince millóns de dólares e xa leva recadado máis de cen nas salas estadounidenses: iso si que son bos investimentos e non os de Bernard Maddof. En tempos de crise a industria soña co éxito inesperado e por iso aposta pola fábula optimista que canta o triunfo do amor e a globalización de pega e de paso chíscalle o ollo ao cinema indio, que ten moito capital para gastar, unha morea de profesionais fabulosos ao dispor de quen os precise e o que é máis importante, mil millóns de potenciais consumidores.
Foi unha noite de premios anunciados cunha única sorpresa relevante na categoría de película de fala non inglesa, o premio para Okuribito (Yojiro Takita, 2008) que criamos destinado ao excelente Valse con Bashir de Ari Folman. Outro Oscar sabido era o de mellor documental para Man on wire de James Marsh, que é un bo traballo, non o vou negar, mais se de min dependera a dourada figura levábaa para a casa o colosal Werner Herzog, candidato por primeira vez na súa vida grazas á impagábel Encontros na fin do mundo. Non me chegan os dedos para contar as obras mestras creadas polo autor alemán, un dos cineastas máis lúcidos e brillantes que temos hoxe en activo, así que me alegra que fose un dos dous “heróis independentes” elixidos pola organización do Indielisboa, o excelente festival de cinema que o próximo mes de abril nos proporcionará unha escusa perfecta para viaxar á capital portuguesa. Será daquela cando teñamos ocasión de ver a Herzog e tributarlle a merecida homenaxe que os académicos ianquis non lle quixeron dar.
Martin Pawley. Artigo publicado o sábado 28 de febreiro en Nós, suplemento de cultura de Xornal de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario