Fotografía de Fins Eirexas do ceo estrelado dende unha furna na praia de Osmo, Corme. Na imaxe pode verse a estrela Rosalíadecastro. |
A fixación dos nomes das constelacións tivo un antecedente nun labor anterior, a revisión dos termos astronómicos do dicionario da Academia que desenvolvemos en 2016 Salva Bará, daquela profesor da área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela, e o autor deste artigo. O uso frecuente do dicionario en liña serviunos para detectar erros e imprecisións nas definicións de moitos termos, así como a presenza de frases como exemplo desas palabras que non se axustaban ao significado correcto. Identificamos máis de cincuenta termos astronómicos que admitían melloras. Por exemplo, a gravidade definíase até entón como o “fenómeno polo que un corpo é atraído en dirección ao centro da Terra”, unha explicación xeocéntrica que esquecía o carácter universal da forza e cambiou a “interacción atractiva entre corpos con masa, responsable, por exemplo, de que un corpo sexa atraído ao centro da Terra e de que a Terra sexa atraída con igual forza cara a el”. Do mesmo xeito, da luz dicíase que era a “radiación electromagnética que se propaga
no baleiro a unha velocidade de 299.792 km por segundo e é capaz de producir o fenómeno da visión” e viña acompañada co exemplo da “luz ultravioleta”, que xusto non é visíbel para os seres humanos (mais si para outros habitantes do planeta, caso das abellas). A definición actual resulta máis precisa: “radiación electromagnética, que se propaga no baleiro a 299.792,458 km por segundo, capaz de producir o fenómeno da visión no ser humano”. Propuxemos, ademais, a incorporación de voces que non estaban presentes, entre elas asterismo ou exoplaneta, así como as acepcións máis comúns na astronomía de termos como conxunción e oposición. O Seminario de Lexicografía, e en particular Manuel González González, recolleu con interese a nosa chamada de atención e asumiu con rapidez a corrección de erros. Ao longo do proceso reparamos no feito de que o dicionario recollía nesa altura unicamente as constelacións zodiacais (e con formas máis que dubidosas) e algunha outra puntual, caso do Centauro, mais non dispuñamos de nomes galegos para a inmensa maioría das constelacións, unha falla que cumpría remediar (...)
Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 21 de decembro de 2024. As persoas subscritoras poden ler o artigo nesta ligazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario