xoves, 25 de xaneiro de 2024

O cinema de Sharon Lockhart

A Filmoteca de Galicia presenta dentro dunhas semanas tres filmes da artista estadounidense Sharon Lockhart, unha oportunidade extraordinaria para ver a súa obra en pantalla grande trece anos despois da exhibición pioneira (e infelizmente sen continuidade) de dúas longametraxes súas no marco da Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña, un certame de vida breve que tiven o pracer de programar. Nacida en 1964 en Norwood, Massachussets, e residente en Los Angeles, Sharon Lockhart traballa principalmente coa fotografía e o cinema e é obxecto de atención dos máis prestixiosos museos e galerías de todo o mundo así como de cinematecas e festivais, lugares estes onde, dito sexa ao paso, a calidade das proxeccións adoita estar mellor garantida.

Double Tide (Sharon Lockhart, 2009)

Os seus filmes están resoltos en planos fixos de longa duración e iso asóciaa a un rexistro contemplativo que nos convida a mirar e escoitar e experimentar o tempo. Mais, a diferenza doutro xenio imprescindíbel, James Benning, de quen polas mesmas datas poderemos ver no mesmo centro outras tres películas, a atención de Lockhart non se dirixe (só) á paisaxe natural ou industrial per se para poñer en valor o propio exercicio de "observar" e propoñernos que reparemos en todos os detalles e os cambios que se manifestan se dedicamos o tempo suficiente. O espazo existe e é importante, non podía ser menos nunha autora que escolle exemplarmente as composicións; mais nese espazo hai sempre persoas que traballan, xogan, agardan, descansan, conversan ou se abrazan. Cada cadro dun filme seu convértese nunha coidada lección de posta en escena pola maneira precisa en que dentro del se integra o movemento dos corpos. É un cinema coreográfico, de forma moi evidente en Goshogaoka (1997), o rexistro das rutinas deportivas das mozas que forman un grupo de baloncesto, ou (2003), cunha parella de labregos no Xapón que van deitando no chan monllos de herba seca en liñas paralelas dende o fondo do campo até situarse perto da cámara para logo estrar co feo a terra de maneira meticulosa: o traballo campesiño devén nunha danza coa contorna.

O deseño laborioso dos desprazamentos, as entradas e as saídas mais tamén as accións das figuras dentro do fotograma apunta un aspecto clave, a relación estreita cos individuos e as comunidades que retrata. É así en Rudzienko (2016), que poderemos ver o 2 de febreiro na Filmoteca, un filme exultante con momentos de contaxiosa alegría e conversas de emocionante altura filosófica froito de dous anos de colaboración coas residentes dun centro xuvenil en Polonia. Ou, moito antes, Pine Flat (2005), doce planos de dez minutos con xente nova que le no campo, dorme, toca a harmónica, báñase nun río, bícase ou bambéase nunha randeeira, escenas de fermosa intimidade que nacen do seu fondo coñecemento dunha comunidade pequena, a do título, un lugar cun par de centos de habitantes a tres horas en coche de Los Angeles.

Lunch Break (2008) renuncia ao plano estático para mover a cámara nun lento travelling que percorre o corredor dun estaleiro durante a pausa para o almorzo. O movemento preséntase coa súa velocidade reducida oito veces; así, os dez minutos da bobina de 35 mm transfórmanse en oitenta, unha dilatación do tempo que achega forza meditativa e conciencia política. Non parece debido ao azar que as dúas veces que a cineasta filmou o traballo industrial se fixara xusto nos períodos en que a masa obreira é dona do tempo, aquí o intervalo para comer e en Exit (2008) a saída da fábrica.

Eventide (Sharon Lockhart, 2022)
Estreada en 2009, Double Tide (Filmoteca, 30 de xaneiro) atende a relación do ser humano coa natureza a través do labor dunha mariscadora en Maine nunha xornada en que hai dúas mareas baixas durante as horas de luz, nos dous crepúsculos, ao comezo e ao fin do día, en dous maxestosos planos secuencia de máis de 45 minutos cada un e abraiante riqueza sonora. O ciclo remata coa película máis recente de Lockhart, Eventide (2022), outro prodixio coreográfico cun grupo de persoas que se moven de noite con lanternas por unha paisaxe costeira en Suecia mentres o ceo se vai enchendo de estrelas. Unha sesión decididamente astronómica, a do sábado 3 de febreiro, pois se completa coa mediometraxe de James Benning L. Cohen (2018), filmada durante a eclipse solar do 21 de agosto de 2017. Benning elixiu un destino aparentemente anódino, unha zona agraria de Oregón na que se enxerga ao lonxe un pico nevado, mais devagar a escuridade crecente (e despois a reentrada da luz solar) nos vai descubrindo outras formas na paisaxe.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario o 5 de xaneiro de 2024, sexta feira. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario