martes, 24 de maio de 2022

Welcome to ma maison: atrevido, transgresor, verdadeiro

por Miguel Castelo

Entre as directoras e directores que en España demostran maior tendencia a innovar, un mellor entendemento do cine como expresión artística, as/os de Galicia non teñen nada a envexar ás/aos doutras latitudes peninsulares. Certo que Portugal é un caso singular. Felizmente, en Galicia, esta caste de proxectos van encontrando, aos poucos, maior receptividade e apoio institucional. Asemade, o progresivo favor do público empresta tamén a súa axuda á causa. 

Welcome to ma maison (2021) é un dos últimos exemplos deste fenómeno cultural.  O seu autor, Andrés Goteira (Meira/Lugo, 1983), aborda con coraxe e fóra de todo prexuizo, arriscando sen medo, unha historia afastada do convencional, na que, no aparente marco do documental, conviven diversos xéneros cinematográficos. Constrúe así un relato, intelixente e perspicaz, sobre as distintas trazas e preocupacións do oficio cinematográfico. Unha proposta  -cine dentro do cine- que se afasta da narración tradicional, do narrativo ao uso, sen a máis mínima pegada literaria. Unha historia sen historia, onde sen renunciar á tensión e ao conflto, se concede especial atención á viaxe como tránsito experiencial. A actitude dun actor -extraordinario, versátil, camaleónico... Igor Fernández- ante a tripla dimensión actor-persoa-personaxe, as súas lideiras internas, debates éticos e existenciais, o seu desacougo vital... interactúan coa preocupación do director (do propio filme) temeroso de que o resultado do seu traballo saia fóra de control, ao tempo que a área de produción (da que fai parte el propio) mostra a súa inquedanza ante a posibilidade de que o proxecto non dea chegado a bo termo. Pero, alén disto todo, se cadra o máis apaixonante deste filme singular -un relato que se mira no espello de súa propia narración-, no que todo resulta descarnadamente verdadeiro, sexa entrar no xogo estimulante de deducir entre este suxestivo trenzado de imaxes de diferente natureza, onde está a ficción e onde o documento; o reto de averiguar qué hai nas súas ben planificadas imaxes, elocuentes e poderosas, de calculado e que nace e é descoberto no proceso de construción das mesmas.

Neste seu segundo traballo Andrés Goteira vai ben máis alá do primero (Dhogs, 2017), dando unha considerable alancada, valente e atrevida, poñendo de manifesto posuír unha sólida formación e un futuro prometedor como inventor de relatos cinematográficos.

1 comentario:

  1. Non será o sitio máis axeitado, pero me agarro a ese welcome do título, tal que cravo rosaliano, para dicir ola... pouco máis podo dicir, a estas alturas de discurrir vital (profundamente heraclitiano, pero tamén parmenidiano)... e todo porque esa maison se muda en portal dunha rúa coruñesa periférica (nin casas tiña nun lateral), onde un maxistral contador de películas (algo homérico certamente) nos facía revivir unhas historias visuais, que mesmo parecían proxectadas de novo nas paredes (hei, quen imaxinaba o holograma dunha Joi, por eexemplo!)... en fin (ou en principio)... pasaba por aquí, e lembrei o final de Casablanca... aproveitando a superficialidade desta internet, tan pouco profunda (pero altamente interesante)

    ResponderEliminar