A
filmación de “acontecementos de actualidade” foi un dos camiños para os
cales o cinema demostrou ser útil desde moi cedo, con verdadeiros prodixios técnicos como a gravación completa polo pioneiro Enoch J. Rector, xa en 1897, dun combate de
boxeo,
The Corbett-Fitzsimmons Fight. O filme orixinal duraba arredor de 100 minutos e
contiña os catorce asaltos e a presentación das celebridades asistentes, mais na actualidade
só se conserva unha parte. Foi filmada en formato panorámico 1,65:1 e cun largo singular, 63 mm, o
sistema "Veriscope", que obrigaba ao uso dun modelo especial de
proxector; iso permitía controlar a exhibición da película e
dificultar a difusión de copias piratas, que son tan antigas coma o
cinema. Tivo un enorme éxito de público e facilitou, ademais, que moitas
mulleres puideran ver cos seus propios ollos, aínda que fose nunha pantalla, un
combate de boxeo, nunha altura en que en xeral non se lles permitía
asistir a estes espectáculos; así, sábese que en Chicago as espectadoras representaron o 60% da audiencia [1], o cal ten moitas lecturas. Da pelexa, que por certo gañou Fitzsimmons, fixo crónica para o xornal
New York World Wyatt Earp, o lendario "marshal" de Tombstone e o duelo en O.K. Corral que deu orixe a varias
películas.”Considero que hoxe fun testemuña da maior pelexa con luvas
que se celebrou nunca neste ou noutro país”, escribiu.

As imaxes en
movemento atraen xente moi diversa. Un dos seus primeiros grandes
valedores é o polaco
Boleslaw Matuszewski (1856-1944), que ten a honra de ser o
autor dalgúns dos primeiros ensaios escritos sobre cinema, se non os
primeiros, nomeadamente o entusiasta panfleto de 12 páxinas
Une Nouvelle Source de l'Histoire, publicado en París en marzo de 1898, no que
afirmaba que a fotografía animada deixaría de ser un pasatempo para
transformarse nun método de estudo do pasado que, a través da visión directa dos feitos, mesmo aforraría o traballo de investigación. Para Boleslaw, o cinema rexistraba a verdade, quizais non completa, mais o que estaba gardado na película era verdade sen
manipulación. Fronte á fotografía, que podía ser retocada, o cinema
tiña que ser sempre verdadeiro, pois sería imposíbel, pensaba el entón, manipular da mesma
maneira miles de fotogramas.
Ese valor documental do cinema
apaixonou ao polaco, que durante algún tempo chegou a ser cámara
do tsar Nicolao II. E entre as cousas que filmou Matuszewski está, xa
en 1897, unha operación cirúrxica,
Operacje chirurgiczne w Warszawie. Porque o cinema tamén atrae os
profesionais da medicina, que ven nas imaxes en movemento un xeito de
preservar os procedementos médicos para difundilos, explicalos aos
alumnos e -por que non- engordar un pouco o ego.

O campión do cinema cirúrxico é o
doutor francés
Eugène-Louis Doyen (1859-1916). Interesado pola
fotografía e polo cinema, Doyen contratou a
Clément Maurice Gratioulet e
Ambroise-François Parnaland como cámaras para filmar as súas
operacións, vencendo dificultades técnicas como a limitada iluminación
dun interior de hospital, nun tempo no que a intensa luz do exterior
era case esencial para o rexistro de imaxes (a hipótese de operar sobre un cadáver ao aire libre foi rexeitada polo doutor Doyen). Fixeron ducias de filmes
dese tipo e entre os que se conservan está o formidábel
Séparation des
sœurs xiphopages Doodica et Radica en 1902, cuxo título desvela con
claridade de que vai. Pode verse
aquí (a partir do minuto 4:22). Nacidas na India, as irmás siamesas Doodica e Radica chegaron a Paris formando parte do circo Barnum & Bailey. Enferma de tuberculose, Doodica empeorou cunha peritonite e nese momento a separación das nenas converteuse nunha urxencia. O 9 de febreiro de 1902 o doutor Doyen procedeu a efectuar a arriscadísima cirurxía, que foi filmada integramente por Clément-Maurice. A operación saíu ben, aínda que Doodica non superou a enfermidade e morreu aos poucos días, o 16 de febreiro [2]. Radica sobreviviu un ano e medio; morreu, tamén, de tuberculose,
Os
filmes cirúrxicos de Doyen foron obxecto dun curioso conflito legal, un dos primeiros procesos relativos á autoría. O doutor
descubriu que o cámara Parnaland fixera copias e as vendera sen
autorización en espectáculos de feira moi afastados do uso científico e
educativo orixinal. Doyen iniciou un proceso xudicial en contra do
cámara que se resolveu ao seu favor: no caso Doyen vs. Parmaland e a "Société générale des phonographes et des cinématographes" [3] o
Tribunal de Primeira Instancia do Sena recoñeceu a Doyen como xenuíno
autor dos filmes, en canto a que era o dono da idea e dera instrucións
precisas aos cámaras, e só a el lle correspondía decidir sobre a súa
exhibición. O tribunal condenou a Parnaland e a Société a pagar 8000 francos ao doutor e exixiu a incautación das copias piratas e a publicación da sentencia en quince xornais elixidos por Doyen.

Non
é o único cirurxián que filmou as súas operacións. Do outro lado do Atlántico, na Arxentina, estaba o doutor
Alejandro Posadas (1870-1902), cuxo pai, Alejandro Posada (sen “s” final)
era galego, de Vigo. Posadas contou coa colaboración detrás da cámara do francés
Eugène Py
(1859-1924), un dos pais do cinema na Arxentina, para filmar as súas
operacións cirúrxicas. Podemos
velo en acción
na metraxe que del se conserva. A súa carreira médica e cinematográfica tivo un final prematuro: morreu de tuberculose aos 31 anos.
Martin Pawley
Notas
[1]
The Emergence of Cinema: The American Screen to 1907, Charles Musser, University of California Press
[2] Máis información no artigo
La séparation de Doodica et Radica de Thierry Lefebvre, en
La Revue du Practicien.
[3] O texto da sentencia está dispoñíbel en liña nesta
publicación en PDF.
Ningún comentario:
Publicar un comentario