
Bill Morrison (EEUU, 2013)
18 min | B/N & Cor
En 1969 un neurólogo de trinta e tantos anos, Oliver Sacks, encontrouse nun hospital do Bronx cun grupo de enfermos que levaban décadas en estado catatónico. Identificounos como sobreviventes dunha devastadora epidemia de encefalite catro décadas atrás e probou con eles un novo medicamento que produciu resultados extraordinarios: os pacientes espertaron do seu tráxico letargo e el estaba alí para documentalo coa cámara. Unha historia memorábel, bigger than life, que orixinou un libro, Awakenings; a ficción homónima de Penny Marshall e agora esta curta de Bill Morrison que emprega as imaxes orixinais en super-8 e a música de Philip Glass para tributar, entre o asombro e a bágoa, unha xusta homenaxe ao doutor Sacks.

Bill Morrison (EEUU, 2013)
78 min | B/N
Incansábel rastrexador de arquivos, Bill Morrison practicou fórmulas diversas de reelaboración de imaxes primitivas. Xunto ao traballo sistemático sobre o carácter material do cinema, que sublimou na colosal Decasia ou en curtas como Light is Calling, nos últimos anos ensaiou contidos máis narrativos, ben sexa a intelixente relectura do Frankenstein de Mary Shelley que fixo en Spark of Being ou o rexistro canonicamente documental de The Great Flood, fascinante achegamento con música do jazzman Bill Frisell e ecos do Ol' Man River á inundación do Mississippi de 1927 que obrigou a desprazar a máis de 600 mil persoas. Mais aínda que as excelentes imaxes compiladas por Morrison aluden a unha catástrofe moi concreta, nelas resoan outros feitos, desde o desastre recente do Katrina en Nova Orleans á ferida histórica da discriminación e explotación laboral da poboación negra. Que o capítulo titulado Migración se abra coa alegría dun baile é, nese sentido, suficientemente elocuente.
Martin Pawley. Versión galega dos textos escritos para o catálogo do BAFICI 2015. Pode descargarse o catálogo nesta ligazón (PDF, 21 MB).
Ningún comentario:
Publicar un comentario