sábado, 13 de decembro de 2008

Cando a idade deixa de ter sentido

“Todas as medidas do tempo, as de dimensión humana, deixan de ter sentido con Manoel de Oliveira”. Con esta frase o programador do CGAI Jaime Pena condensaba nun artigo da edición española de Cahiers du Cinema a sensación de abraio que produce a figura do xa lendario creador portugués, que fixo cen anos o 11 de decembro no medio da rodaxe dun novo filme. O soño de Manoel de Oliveira é que Singularidades de uma rapariga loira, a súa versión dun conto de Eça de Queiroz, estea lista para o próximo Festival de Berlín, dentro de apenas dous meses, segundo revelou o catalán Luis Miñarro, que participa coa súa produtora Eddie Saeta nunha fita que conta co apoio económico de TV3, mais non de TVE e tampouco do Ministerio de Cultura español. Cando remate Singularidades..., protagonizado como é habitual nos últimos tempos polo seu neto Ricardo Trepa, o hiperactivo Manoel de Oliveira comezará a darlle voltas ao seu seguinte filme, O estranho caso da Angélica, que nace dunha historia que escribiu hai cinco décadas.

O seu caso é certamente excepcional, mais non é o único dos grandes cineastas que seguen en activo a idade moi avanzada. A pasada edición do Festival Internacional de Cine de Donostia dedicoulle a súa retrospectiva clásica ao director e guionista italiano Mario Monicelli, nacido en 1915 e autor de marabillas coma I soliti ignoti (Rufufú). Monicelli conserva unha envexábel saúde e continúa a facer películas: pouco despois de cumprir noventa rodou a longametraxe Le rose del deserto, coa colaboración como guionista doutra insigne nonaxenaria, Suso Cecchi d'Amico, e hai apenas tres meses presentou unha curtametraxe documental, Vicino al Colosseo c'è Monti. Quen parece porén dar por pechada a súa filmografía é Jean-Marie Maurice Scherer, máis coñecido polo seu alcume Eric Rohmer, que nunha entrevista concedida no verán de 2007 a Carlos F. Heredero afirmaba non pensar no futuro, senón máis ben en xubilarse. “Xa non teño enerxía para continuar”, dicía, para engadir a continuación que “a posibilidade de rodar outra vez nunca está pechada de todo”. A súa última alfaia, quen sabe se o derradeira, sería O romance de Astrea e Celadón, a adaptación que fixo aos oitenta e sete anos dun texto de Honoré d'Urfé de comezos do século XVII. O inxenuo ton hedonista e bucólico do filme poría así punto final a unha carreira marcada pola sobriedade e o bo gusto. Premio á mellor dirección no Festival de Venecia de 2006, Asuntos privados en lugares públicos (Coeurs) proba a vitalidade doutro dos grandes autores franceses, Alain Resnais, nacido en xuño de 1922. A estrea da película en España cadrou no tempo co inicio da rodaxe do seu actual proxecto, Les herbes folles, que por primeira vez está baseado nunha novela. O reparto está encabezado por dous rostros habituais do seu cinema, Sabine Azema e André Dussollier, acompañados entre outros polo excelente Mathieu Amalric.

Tamén ten novo traballo Jacques Rivette (1928), aínda recente na memoria o impacto da espléndida A duquesa de Langeais (Ne touchez pas la hache). Terá oitenta e un anos cando finalice 36 vues du Pic Saint-Loup, con Jane Birkin e Sergio Castellito como protagonistas. Da mesma idade que Rivette é Agnès Varda, que arrancou o século XXI con forzas renovadas e non deixou descansar a cámara desde entón para producir obras tan admirábeis coma Os espigadores e a espigadora. Próximo a ela no persoal e no ideolóxico está Chris Marker, que con oitenta e tres anos creou Chats perchés, unha prodixiosa demostración de intelixencia e liberdade dun xenio que percorre coa enerxía dun mozo as manifestacións en París contra a guerra de Irak e o avance electoral de Le Pen mentres segue as pegadas do graffiti dun gato. O sempre esquivo Chris Marker deu en 2008 sinais de vida cunha exposición para o Museo do Deseño de Zurich, “A farewell to movies”, que tiña unha versión paralela en Second Life.

Tampouco perdeu folgos Jonas Mekas (1922), que en outono de 2006 emprendeu o curioso plan de filmar unha pequena peza cada día durante un ano para colgala logo na súa web. Igual de intensa é aínda agora a actividade do documentalista Don Allan Pennebaker, nacido en xullo de 1925. O xaponés Kaneto Shindô, autor de Os nenos de Hiroshima, estreou película hai pouco no seu país, con 96 anos cumpridos en abril. Oitenta e un ten o español Jaime de Armiñán, que concursou no Festival de Málaga con 14, Fabian Road, e para os oitenta vai Pere Portabella, que viu renacida a súa popularidade e prestixio grazas a O silencio antes de Bach. O húngaro Miklós Jancsó fica hoxe algo esquecido; non era así nos 70, cando deslumbraba ao mundo coa planificación coreográfica de filmes coma Salmo vermello. Nacido en 1921, cumplirá oitenta e oito mentres prepara o próximo filme, Oda az igazság. Richard Attenborough (1923), grande triunfador dos Oscar en 1982 con Gandhi, estreou Closing the ring hai só uns meses, e na pasada edición deses premios o polaco Andrzej Wajda (1926) foi candidato na categoría de mellor película de fala non inglesa por Katyn, a reconstrución do masacre de milleiros de compatriotas a mans do exército ruso. Bastante máis en forma está Sidney Lumet (1924), que xa prepara para o 2009 Getting out despois do éxito de Before the devil knows you're dead, cun potente reparto comandado por Philip Seymour Hoffman, Ethan Hawke, Albert Finney e Marisa Tomei.

Martin Pawley. Publicado o sábado 13 de decembro de 2008 en Nós, suplemento de cultura do Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario