 |
Sabura (Falcão Nhaga, 2025) |
Aos poucos anos de nacer, aló en 2004, o Indielisboa Festival Internacional de Cinema xa se convertera nunha referencia para todas as persoas que queríamos saber o que estaba acontecendo na creación contemporánea. O festival lisboeta aliñábase con outros moitos –BAFICI e FIC Valdivia na América do Sur, FID Marseille
en Europa, Jeonju en Asia– que naquela altura facían o esforzo de cartografar un mapa novo, o desenvolvemento e a consolidación dun xeito de facer filmes con espírito independente, fóra dos circuítos comerciais domesticados pola grande industria. Era ademais un tempo de transición, a mudanza da produción e exhibición tradicional en formato analóxico cara ao vídeo dixital, que permitía a realización de películas con orzamentos
mesmo moi baixos e en consecuencia alentaba unha valiosa ampliación do acceso ao cinema. O equipo que inventou o "Indie" aplaudiu dende o inicio a xeración de cineastas que sacudía Arxentina, de Lucrecia Martel a Lisandro Alonso, ou as novas voces asiáticas, con ciclos dedicados a Jia Zhang-ke ou Nobuhiro Suwa, igual que logo prestaron atención ao novo cinema galego, primeiro Oliver Laxe (e antes del, Peque Varela) e despois Lois Patiño, que viu todas as súas longametraxes programadas en Lisboa. E por suposto acompañou e coidou a produción nacional, nun período singularmente vizoso para a cinematografía portuguesa (...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario