En 1884 o chanceler alemán Otto von Bismarck convocou unha reunión en Berlín para que as grandes potencias do mundo acordasen entre si a repartición de África. Participaron, para alén de Alemaña, o Reino de España, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, o Reino Unido, Italia, Holanda, Portugal, Rusia, a unión Suecia-Noruega, o Imperio Austrohúngaro e o Imperio Otomán, ademais da Asociación Internacional do Congo que defendía os intereses literalmente particulares do infausto Leopoldo II, rei de Bélxica. É un dos fitos máis noxentos da historia universal da infamia, o inicio do saqueo dos recursos africanos e dun holocausto negro que ten no Congo o símbolo maior, máis non o único, da súa crueldade, co exterminio de millóns de persoas e a normalización do traballo escravo na obtención de caucho para beneficio do monarca, propietario persoal de todo o territorio. A conquista violenta devastou países que acadaran un notábel desenvolvemento (Benín, Dahomey) e alentou unha visión colonialista de África como terra de bárbaros que había que civilizar e domesticar, unha terra sen dereito a posuír linguas, artes e culturas de seu. A barbarie, porén, era a que viña do norte, a que regou o chan con sangue para encher os bancos e os museos das metrópoles (...)
Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 2 de agosto de 2025. As persoas subscritoras poden lelo completo en liña no sitio web do xornal.