venres, 18 de xullo de 2025

A derradeira película

La Petite Vendeuse de Soleil (Djbril Diop Mambety, 1999)

A edición número 33 do Curtas Vila do Conde, que se celebra estes días, dedica un suxestivo ciclo aos filmes finais de grandes cineastas que, por razóns moi diversas -«por mero acaso, ou por razões de saúde, por uma vontade de experimentação, por questões orçamentais ou por um afastamento progressivo dos centros de decisão», di o catálogo- resultaron ser curtametraxes. Non son poucos os exemplos, incluído o mestre de mestres, John Ford, cuxa filmografía remata con Chesty (1970), aproximación documental a un condecorado xeneral estadounidense a anos luz das longametraxes que o fixeron inmortal, ou King Vidor, quen pechou a súa obra con dúas curtas claramente á marxe, o ensaio sobre metafísica Truth and Illusion (1964) e o seu encontro co pintor Andrew Wyeth The Metaphor (1980).

A selección do Curtas abrangue case noventa anos a partir de 1936, data de realización de Le Retour à la Vie, a curta militante que co-realizou Germaine Dulac con Jean Brérault e François Moch para narrar como a filla dun agricultor convence o pai de investir os aforros e apoiar con espírito comunitario o relanzamento económico nun contexto de desemprego e crise no rural. Fascinante é Hello Out There (1949) do director de The Bride of Frankenstein James Whale, cuxa carreira xa declinara moito atrás, que aquí adapta un texto teatral de William Saroyan ambientado nun único escenario -unha prisión- e exaxera a súa natural tendencia ao expresionismo (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 18 de xullo de 2025, sexta feira. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo en liña nesta ligazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario