sábado, 12 de setembro de 2026

Acariño Films, outros camiños no audiovisual

Impulsada por Andrés Sanjurjo (A Coruña, 1993), a produtora Acariño Films vive un momento de intensa actividade entre o desenvolvemento de diversos proxectos cinematográficos –da animación ao documental de creación, a ficción e o ensaio– mais tamén dun videoxogo, Xerme, convidado este verán a prestixiosas feiras internacionais en Alemaña e Xapón. Acariño principia agora, ademais, unha nova liña de traballo dedicada á distribución de filmes cun primeiro título no horizonte, Al Oeste, en Zapata.

Fotograma de "O Laúro" (Acariño Films)

Andrés Sanjurjo non foi un adolescente particularmente cinéfilo. “Sempre tiven unha relación moi forte coa imaxe, o meu pai, Alfonso Sanjurjo (1953-2022), era pintor e de aí véñenme moitas ensinanzas”, explica, “mais cando de mozo ía ás salas na fin de semana coas amigas e amigos non tiña realmente a noción de estar vendo filmes”. Foi por casualidade que no instituto do seu barrio, o IES Monelos, acabou tendo unha materia optativa de imaxe e son que nin sequera pedira e nesas aulas descubriu películas clásicas (Orson Welles, Vittorio de Sica) e empezou a sentirse tocado emocionalmente por elas. En segundo de bacharelato, no medio das dúbidas típicas sobre que facer despois, o instituto recibiu a visita dun antigo alumno que viña de presentar en Cannes a súa primeira longametraxe, un tal Oliver Laxe. “Aquilo fíxome ver que o cinema era algo plausíbel que podía facer un veciño da cidade e que non precisabas ter un grande orzamento ou unha compañía grande atrás de ti”. A curiosidade por ese espléndido mundo novo que se abría levouno a estudar Comunicación Audiovisual en Burgos, cun ano de Erasmus na Universidade Católica Portuguesa no Porto e un último curso na Universidad Mayor en Chile, onde tivo entre os seus profesores a Raúl Camargo, programador e director do Festival de Valdivia que lle falaba ao seu alumnado con entusiasmo do cinema que se facía en Portugal e Galiza. De volta á casa, fixo un mes de prácticas en Zeitun Films con Felipe Lage e decidiu apuntarse ao mestrado de documental de creación da Pompeu Fabra, a universidade pola que pasaran antes Oliver ou Lois Patiño. O desexo de ser cineasta xa aniñara definitivamente. “No mestrado centrábanse moito en que fixeras a túa película e eu pensei que ou a facía con Felipe ou con ninguén. Falei con el e díxome, a ver, rapaz, esta é unha película para levares hostias ti só, tes que aprender pola túa conta e eu encantado de axudarte”. Era, claro, un proxecto de moi baixo orzamento, un proxecto para experimentar e explorar cousas, para equivocarse e acertar. “Felipe deume consellos, axudoume coas burocracias e gravei a miña película, Diario de Alén Mar, e comprendín que ao meu redor había moita xente coma min, sobre todo un compañeiro do mestrado, Raúl Capdevila, que estaba facendo un filme honesto co que eu conectaba moito artística e politicamente”. Acabou sendo evidente a necesidade dunha estrutura que servise de paraugas e así naceu Acariño Films, un nome descritivo das súas intencións que (ademais) rende homenaxe a Val del Omar (...)

Martin Pawley. Reportaxe publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 12 de setembro de 2026. As persoas subscritoras poden lela completa nesta ligazón. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario