Páxinas

xoves, 12 de decembro de 2024

Henry Fonda for President

Xardín de rosas en memoria de Henry Fonda, no filme Henry Fonda for President.

En xaneiro de 1976 a comedia televisiva Maude, creada polo guionista e produtor Norman Lear, dedicou un dobre episodio ao empeño da protagonista (Beatrice Arthur) por promover a candidatura de Henry Fonda á presidencia dos Estados Unidos, até o punto de converter a casa nunha oficina de campaña coa colaboración entusiasta de persoas amigas antes mesmo de falar co lendario actor. Cando este aparecía por alí, Maude lanzaba un apaixonado discurso no que lle dicía que el tiña algo que ningún outro candidato posuía, unha "honestidade espiritual" que lle permitiría liderar o país do xeito que "desesperadamente" precisaba, aínda recentes as feridas do Watergate e Vietnam. Con análoga enerxía Fonda non dubidaba en rexeitar a atrevida proposta. Minutos antes, outro personaxe da serie afirmaba que era estúpido pensar nun actor como posíbel presidente, para logo responderlle a Maude que lle gustaría que o fose Ronald Reagan. "Non me mires así", engadía, "Ronald Reagan nunca foi un actor e ti sábelo". Nas eleccións de 1980 Reagan acabou obtendo 440 votos electorais de vantaxe sobre o demócrata Jimmy Carter, un triunfo contundente que abriu unha era de expansión do liberalismo económico, o tecnocapitalismo sen freos e a redución dos estados que puxo o planeta camiño do colapso.

Crítico e programador de prestixio, director primeiro da Viennale e logo do Museo do Cinema de Austria, Alexander Horwath debuta como cineasta cun formidábel ensaio documental, con certeza un dos filmes de 2024, Henry Fonda for President, que leva ao título a idea soñada pola sitcom dos 70. Horwath soubo recoñecer en Fonda, na súa vida e na súa filmografía, unha vía para falar de 300 anos de historia en Norteamérica e asociar o actor xa co inicio da colonización de terras indíxenas, pois foron antepasados seus holandeses algúns dos ocupantes desas terras a finais do século XVII. El propio encarnou personaxes que evocan a fundación do país en filmes como Drums Along the Mohawk ou Young Mr Lincoln que serviron para construír unha mitoloxía nacional; mais tamén puxo voz, rostro e corpo ao heroico Tom Joad imaxinado por John Steinbeck na película que John Ford dirixiu a partir da novela The Grapes of Wrath, obra maior do cinema e fito progresista dunha industria que agora parece incapaz de tales ousadías. Ninguén coma Fonda, un verdadeiro home tranquilo, para representar a bondade revolucionaria de Joad ou para a defensa da liberdade de expresión e cátedra fronte á domesticación masiva da poboación na estimábel The Male Animal (Elliott Nugent, 1942).

A confusión entre persoa e personaxe vólvese no seu caso enriquecedora e axuda a explorar os dilemas dunha sociedade cambiante, das utopías aínda posíbeis na América do New Deal á confusión, o desencanto e o medo que emerxen como pano de fondo da prosperidade económica após a Segunda Guerra Mundial. A Guerra Fría non deixa espazo para a inxenuidade e Fonda será peza clave en varios thrillers políticos fundamentais: Advise & Consent (Otto Preminger, 1962), The Best Man (John Frankenheimer, 1964) e Fail Safe (Sidney Lumet, 1964), que fabulaba cunha crise nuclear catastrófica despois dun ataque por erro á cidade de Moscova. Antes diso encarnara outro dos seus personaxes máis recordados, o xurado de 12 Angry Men (Sidney Lumet, 1957) que con intelixencia e capacidade persuasiva reconducía os seus compañeiros cara a un veredicto de inocencia.

Aínda que o relato do filme conclúe coa morte de Fonda en 1982, xa con Reagan na Casa Branca, Horwath, coa colaboración imprescindíbel de Michael Palm e Regina Schlagnitweit, comprendeu a necesidade de, para alén de facer un uso exemplar do material de arquivo, filmar a América de hoxe. Complétase así o ensaio nun rexistro que o conecta con cineastas estadounidenses contemporáneos coma Thom Andersen (Los Angeles Plays Itself, RedHollywood), o John Gianvito de, sobre todo, Profit Motive and the Whispering Wind, unha alfaia que se valía de lousas e tumbas para contar outra historia dos EEUU, a das loitas progresistas e as persoas que as fixeron posíbeis, ou James Benning, explicitamente homenaxeado na maneira en que se insire unha cita de James Baldwin. No portentoso equilibrio entre memoria persoal e cinéfila, análise histórica e convite á reflexión política asenta Henry Fonda for President a súa inesgotábel riqueza para deixar claro, ademais, que os monstros do presente non aparecen nunca da noite á mañá: levedan devagar co conformismo, a indiferenza e a inacción social como fermento.

Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente no Nós Diario o 12 de decembro de 2024, quinta feira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario