mércores, 6 de xullo de 2011

Barbara Hammer toma partido pola xustiza en Palestina

A admirábel e valente cineasta experimental Barbara Hammer, coa que compartimos días inesquecíbeis na Coruña durante a Mostra de Ciencia e Cinema 2009, vén de rexeitar unha bolsa de artes na Academia Americana de Xerusalén en solidariedade co pobo palestino e como xeito de protestar contra a actitude do goberno israelí. Esta é a versión galega da carta na que xustifica a súa postura (o orixinal en inglés, aquí).



A quen poida interesar:

Despois de moita deliberación, rexeitei a bolsa que me ofreceu a Fundación pola Cultura Xudía para ir á Academia Americana de Xerusalén dende o 23 de outubro até o 23 de decembro de 2011.

Fágoo en solidariedade non só co pobo palestino, senón tamén cos moitos miles de israelís que discrepan coas políticas do seu goberno colaborando na campaña de Boicot, Desinvestimento e Sancións contra Israel. Aínda que non pertenzo ao movemento BDS e non aprobo todas as súas reclamacións, opóñome con firmeza á ocupación e non quero contribuír á súa normalización. Acepto e exerzo a miña responsabilidade social coma artista para non darlle lexitimidade ao Estado de Israel mentres continúe a ocupación.

A miña conciencia non me permitirá tampouco participar nos programas financiados polo actual goberno israelí, ou mostrar os meus filmes en espazos que reciban fondos dese goberno. Vaia o meu apoio para os cidadáns palestinos e israelís que cren na xustiza para todos, na igualdade de representantes e no fin da opresión ao pobo palestino. É o menos que podo facer. O máis importante aínda está por vir.

Barbara Hammer
Directora de cinema
New York, New York

Ningún comentario:

Publicar un comentario