venres, 1 de maio de 2020

Por que durmimos

Edítase por fin en España o fascinante libro do neurocientífico Matthew Walker sobre a importancia do sono.

Podes lembrar a última vez que espertaches sen a alarma do espertador, sentíndote como novo e sen necesitar cafeína? Esta é unha das preguntas que nos formula na primeira páxina do seu libro o científico inglés Matthew Walker, profesor de neurociencia e psicoloxía na universidade de Berkeley. O espertador interrompe o noso sono, isto é, sen a alarma seguiriamos durmindo, beneficiándonos dun descanso imprescindíbel para o noso corpo. Mais o feito é que día tras día detemos á forza o sono antes de tempo.

Aínda que con frecuencia o esquezamos, os humanos somos unha especie de hábitos diúrnos: o noso grao de lucidez e alerta é maior cando o Sol está no ceo, que é o período no que desenvolvemos a maioría das nosas actividades. E canto máis tempo pasemos espertos, máis ganas teremos de durmir: acumúlase no noso cerebro unha sustancia química, a adenosina, que serve como indicador da inminente necesidade ou non dun pracenteiro descanso. O noso reloxo biolóxico, ademais, regula ao longo do día de forma non consciente diversas variábeis fisiolóxicas, como a temperatura ou a presión arterial, mais tamén a capacidade para resolver tarefas, sensibelmente maior ao mediodía que de madrugada. O sono non escapa ao mandato dese reloxo interno do cerebro, cuxo ritmo propio é lixeiramente superior a 24 horas nas persoas adultas: por iso é polo que se fala de "ritmo circadiano". Estamos case sincronizados co ritmo de rotación da Terra, mais non de todo; a nosa fisioloxía tende a desfasarse un pouco cada día. O cerebro corrixe ese desfasamento valéndose dun padrón moi regular, o ciclo de luz e escuridade. Cada mañá, a luz do Sol espértanos e ponnos literalmente en hora, mesmo cando o ceo está cuberto de espesas nubes cargadas de choiva. A chegada da noite, pola contra, induce o noso desexo de repouso e convídanos a meternos na cama.

Ou nos convidaba, máis ben. Nos países desenvolvidos, na actualidade, dúas terzos da poboación adulta non chegan ás oito horas de sono nocturno que se recomendan. Durmir de forma habitual menos de 6 ou 7 horas por noite, lémbranos o autor, "estraga o teu sistema inmunitario, multiplicando por máis de dous o teu risco de sufrir un cancro". O sono insuficiente é un factor chave para o desenvolvemento de Alzheimer, altera os niveis de azucre en sangue, aumenta as probabilidades de padecer enfermidades cardiovasculares, ictus ou fallos cardíacos e inflúe sobre as principais afeccións psiquiátricas, como a depresión, a ansiedade e o suicidio. Durmir ben axuda a previr todos eses problemas e ademais mellora "a nosa capacidade de aprender, memorizar, tomar decisións e realizar eleccións lóxicas". A través das súas apaixonantes 400 páxinas, o libro de Walker, editado por Capitán Swing, convéncenos dunha idea básica: a noite é necesaria... para durmir.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 247, xaneiro de 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario