domingo, 3 de maio de 2020

O ceo de Rosalía de Castro

A noite e os obxectos celestes están moi presentes na obra poética da autora galega, que agora dá nome a unha estrela.

No calendario cultural e escolar de Galicia o 24 de febreiro é unha data sinalada: é o "Día de Rosalía", en homenaxe á excepcional escritora nada tal día de 1837. Este ano vivimos a efeméride dunha forma especial, pois agora a Rosalía tamén podemos celebrala observando o ceo. O pasado 17 de decembro a Unión Astronómica Internacional anunciou o resultado das campañas "NameExoWorlds", que asignaron a 112 países unha estrela cun exoplaneta para que fosen bautizadas en votacións abertas á cidadanía. A estrela correspondente a España é unha anana amarela parecida ao Sol, visíbel con prismáticos e situada na constelación de Ofiúco, o Serpentario. O seu nome, até ese momento, era HD 149143, que a identificaba como unha das 225300 recollidas no catálogo Henry Draper no que traballaron durante décadas as míticas "calculadoras de Harvard". O catálogo acabou publicándose en varios volumes entre 1918 e 1924, con supervisión da incansábel Annie Jump Cannon.

A proposta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío foi escollido o nome "Rosalía de Castro" para a estrela e o de "Río Sar", un río esencial na súa vida e a súa obra, para o seu planeta, un "Xúpiter quente" que a orbita a uns oito millóns de quilómetros. A elección de Rosalía valoraba non só a súa maiúscula importancia para as letras galegas e españolas, senón tamén a absoluta vixencia da súa creación poética e narrativa na que recoñecemos un claro discurso feminista e unha defensa da natureza e a protección da paisaxe que resultan plenamente contemporáneas. Rosalía de Castro nunca deixou de ser moderna.

O que non resulta tan coñecido é a abundante presenza de referencias ao ceo e á noite nos seus textos. Até poderiamos dividir a literatura rosaliana en dous tempos astronómicos. Hai unha Rosalía que canta o amencer, a alegría dun novo día, no libro fundacional Cantares galegos ("o craro sol vai subindo / por riba do firmamento / limpo, garrulo e contento"); e, hai, despois, outra Rosalía que explora a escuridade natural da noite convertida en refuxio para a reflexión íntima, a Rosalía de Follas novas e En las orillas del Sar. Unha poeta que dialoga coa noite e os obxectos celestes que reinan no firmamento, que ve na Lúa unha "lámpara hermosa, eternamente hermosa", que nos lembra que hai "luz e progreso en todas partes" mais persisten "as dudas nos corazós" e nos advirte de que "moita luz deslumbra os ollos". Unha poeta que imaxina a Terra no espazo e escribe estes versos fabulosos que se adiantan nun século ao famoso "punto azul pálido" de Carl Sagan.

Los astros son innúmeros, al cielo
no se le encuentra fin,
y este pequeño mundo que habitamos,
y que parece un punto en el espacio,
inmenso es para mí.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 249, marzo de 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario