sábado, 2 de maio de 2020

Necesitamos unha ciencia da noite

Dous artigos recentes expresan a pertinencia de estudos transversais que afronten todos os aspectos relacionados coa noite.

A publicación, en 2005, de At Day's Close: Night in Times Past de Roger Ekirch, serviu de tarxeta de presentación ante públicos máis amplos dun novo xénero: os "estudos da noite". No seu ambicioso libro, o investigador e profesor en Virginia Tech valíase de toda sorte de fontes para trazar unha xenuína Historia, con H maiúscula, da actividade humana despois da posta de Sol. Entre as súas documentadas achegas está a do "sono segmentado": antes da revolución industrial non era infrecuente que as persoas durmisen en dúas fases, primeiro unhas horas despois da cea, para espertaren logo e manteren certa actividade (oración, conversa ou sexo) no medio da noite e, finalmente, durmiren outra vez. Referencia a un primeiro e un segundo sono atópase, por exemplo, no Quijote de Cervantes.

No ronsel do traballo de Ekirch apareceron nos últimos anos diversos estudos históricos da noite nun marco nacional. É o caso de La noche develada: la Ciudad de México en el siglo XIX de Lillian Briseño Senosiain (editorial Universidad de Cantabria, 2017), que analiza os costumes e tradicións nas horas que van do ocaso ao abrente, mais tamén os oficios (prostitutas e matronas, serenos e ladróns) así como os mitos asociados ao medo nocturno, con "La Llorona" como figura emblemática da cultura mexicana. Na mesma liña móvese a tese doutoral de Rosa Maria Canarim Rodrigues Fina, Portugal nocturno e a ameaça do dia. A ideia de noite na cultura portuguesa (séculos XVIII a XX), que explora con detalle a transformación que supuxo a chegada, non sen polémica, da iluminación artificial, e detense na presenza da noite nalgúns autores destacados das letras portuguesas (Antero de Quental, Teixeira de Pascoaes ou Álvaro de Campos, un dos heterónimos de Pessoa).

Dous artigos recentes van máis aló ao propoñer estudos da noite aínda máis transversais. Na actual sociedade 24/7 o peso económico da actividade nocturna é enorme, de modo que non é posíbel ignorar o que sucede nas cidades despois do anoitecer se queremos formular ben un desenvolvemento global sustentábel. "As ciencias sociais e naturais necesitan falar máis unha coa outra sobre o que pasa de madrugada", escribe o profesor da Universidade de Melbourne Michele Acuto en Nature (We need a science of the night, Vol 576, decembro de 2019). Nestas ideas abunda un artigo colectivo con Christopher Kyba como primeiro autor, Night Matters - Why the Interdisciplinary Field of "Night Studies" is Needed (decembro de 2019): "se non dispoñemos dunha visión de conxunto, a gobernanza da noite pode servir aos intereses dun grupo poderoso e selecto en lugar da comunidade en xeral", conclúen. A noite importa. Vaia se importa.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 248, febreiro de 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario