venres, 8 de maio de 2020

Na cidade nunca se ven as estrelas

Eça de Queirós atopou no ceo estrelado unha xanela para experimentar a unidade do universo.

Aínda que Rosalía de Castro, de quen falamos o mes pasado, non viaxou nunca a Portugal, a súa obra foi coñecida no país veciño xa en vida da autora. Cantares gallegos formaba parte da biblioteca de Antero de Quental, mais o seu maior admirador puido ser Eça de Queirós, unha das figuras esenciais das letras portuguesas. A súa propia filla explicoulle ao experto na obra rosaliana Alberto Machado dá Rosa que a escritora galega foi "unha das máis profundas devocións literarias" de Eça, cuxos versos era capaz de recitar de memoria. Dous versos do poema Airiños, airiños aires cítanse nunha das súas novelas, A Capital: Doces galleguiños aires, / quitadoiriños de penas.

Nacido en Povoa de Varzim en 1845, José Maria de Eça de Queiroz foi diplomático ademais de escritor e como tal viviu na Habana, Newcastle, Bristol e París, exercendo como cónsul. O crime do Padre Amaro, O Mandarim, Os Maias ou A ilustre casa de Ramires son algunhas das súas novelas máis destacadas, mais hoxe quero sinalar outra, A cidade e as serras, que se publicou en 1901, un ano despois da súa morte. A cidade e as serras desenvolve unha trama e un personaxe antes presente nun conto excepcional, Civilização. O protagonista, Jacinto, vive na cidade rodeado de luxos e das máis notábeis manifestacións do progreso e a cultura, mais iso non lle impide ser profundamente infeliz. Jacinto decide abandonar a cidade para ir ao campo, ás serras do título, un mundo máis primitivo, apegado aos ritmos naturais. Entre o entusiasmo tecnolóxico e a fascinación bucólica cara á natureza, Jacinto alcanza un punto de equilibrio. E nese equilibrio está presente a beleza e o misterio do firmamento nocturno:
"Na Cidade (como notou Jacinto) nunca se olham, nem lembram os astros -por causa dos candeeiros de gás ou dos globos de electricidade que os ofuscam. Por isso (como eu notei) nunca se entra nessa comunhão com o Universo que é a única glória e única consolação da Vida. Mas na serra, (…) um Jacinto, um Zé Fernandes, livres, bem jantados, fumando nos poiais de uma janela, olham para os astros e os astros olham para eles. (…) Neste instante, outros Jacintos, outros Zés Fernandes, sentados às janelas doutras Tormes, contemplam o céu nocturno, e nele um pequenininho ponto de luz, que é a nossa possante Terra por nós tanto sublimada. (...) Portanto todos nós, Habitantes dos Mundos, às janelas dos nossos casarões, além nos Saturnos, ou aqui na nossa Terrícula, constantemente perfazemos um acto sacrossanto que nos penetra e nos funde -que é sentirmos no Pensamento o núcleo comum das nossas modalidades, e portanto realizarmos um momento, dentro da Consciência, a Unidade do Universo!
Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 250, abril de 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario