xoves, 30 de abril de 2020

Os anuncios que entran (salvaxemente) polos ollos

As pantallas publicitarias multiplícanse sen control nas cidades xerando máis contaminación luminosa na nosa contorna.

Blade Runner (Ridley Scott, 1982)
Os fotogramas icónicos de Blade Runner, filme de 1982 ambientado en novembro de 2019, imaxinaban unha metrópole nocturna e húmida poboada de carteis luminosos xigantescos. Esas omnipresentes pantallas reforzaban a estética ciberpunk do clásico de Ridley Scott, contribuíndo a que o escenario parecese á vez opresivo e fascinante, e de paso, xusto é dicilo, servían de pouco disimulado emprazamento publicitario para os logos dalgunhas poderosas marcas.

Xa deixamos atrás o mes de Blade Runner e non hai entre nós replicantes nin coches voadores, mais con certeza vivimos rodeados de pantallas comerciais. A chegada da tecnoloxía LED abaratou notabelmente a produción e sobre todo o consumo enerxético destes dispositivos, de xeito que se converteron nunha fórmula práctica e barata para a publicidade exterior sobre fachadas e tellados de edificios ou en lugar das vellas lonas iluminadas con focos das vías públicas. Máis aínda, moitos comercios e locais de negocio optan xa por pantallas LED de menor tamaño para relatar nos seus escaparates toda sorte de ofertas: diríase que as pantallas empezan tamén nese ámbito a substituír os carteis en papel.

As pantallas emiten luz, moita, e a luz contamina. De pouco servirá que nos esforcemos en crear unha boa iluminación exterior urbana, con farois que proxectan luz só sobre as zonas necesarias e á hora axeitada, se logo permitimos que calquera persoa invada as zonas comúns con pantallas. Estas pantallas están deseñadas para que as súas mensaxes se lean a pleno día, para o cal producen imaxes con altísimo brillo, o necesario para que se vexan con claridade mesmo sobre o fondo luminoso do ceo. Mais non é precisamente infrecuente que ese brillo diúrno se manteña de noite sen cambios, o cal é unha calamidade: a escuridade natural queda rota de forma abrupta por un rectángulo de luz ferinte. O impacto sobre as persoas é evidente en forma de encandeamento, intrusión luminosa nos fogares e distracción de peóns e condutores, que pode ter consecuencias fatais. E é igualmente evidente sobre o medio natural: os fotóns son fotóns, veñan dunha lámpada ou dun panel publicitario. A habitual abundancia de luz fría, con alta temperatura de cor, incrementa ademais o risco ambiental.

As pantallas son un problema global para o cal non hai aínda regulación abondo. E a que hai non se cumpre, como sucede en España co RD1890/2008 que sinala valores de luminancia máximos xa de seu esaxerados que a miúdo se exceden amplamente. A International Dark-Sky Association, entidade de referencia na loita contra a contaminación luminosa, publicou este mesmo ano un clarificador documento, Guidance for Electronic Message Centers (EMCs), dispoñíbel para descarga no seu sitio web (PDF, 210 KB). É, sen dúbida, un excelente punto de partida para empezar a poñer paz nesta diabólica guerra de luces.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 246, decembro de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario