martes, 21 de abril de 2020

O bo, o feo e o malo

Un ranking europeo de contaminación luminosa saca as cores a España polos excesos de iluminación.

Fabio Falchi. Fotografía: Riccardo Furgoni
A principios de setembro desfrutamos na Coruña dunha conferencia de luxo: a do profesor de instituto e tamén investigador no campo da contaminación luminosa Fabio Falchi, principal responsábel científico do Novo atlas mundial de brillo do ceo (2016), a mellor ferramenta de que dispoñemos para calibrar a calidade do firmamento nocturno no noso planeta. Parece razoábel que exista unha correspondencia entre as emisións de luz e as zonas con maior poboación humana, mais esa relación admite unha análise moito máis fina e ese é o obxecto dun moi interesante artigo presentado este verán, Light pollution in USA and Europe: The good, the bad and the ugly (Fabio Falchi, Riccardo Furgoni et al). Os autores empregan os datos de brillo artificial do ceo compilados para o atlas e as observacións do sensor VIIRS (do que falei no artigo de maio) para ponderar a contaminación luminosa co número de habitantes e o produto interior bruto en Europa e Estados Unidos, no primeiro caso a nivel de "rexións" e "provincias" (divisións NUTS2 e NUTS3 na linguaxe oficial da Unión Europea), e de "estados" e "condados" no segundo. O tratamento estatístico de toda esta información permite determinar que porción de superficie e que porcentaxe de poboación convive cun certo nivel de contaminación luminosa, mais tamén calcular o brillo artificial medio en cada zona, o fluxo de luz artificial por habitante e o fluxo de luz artificial por unidade de PIB. Ao avaliar por separado todos eses parámetros aparecen, por suposto, notábeis diferenzas; combinándoos de maneira axeitada pode obterse unha clasificación global. O título do artigo, que alude de forma irónica á película de Sergio Leone en España chamada El bueno, el feo y el malo, xa anuncia as conclusións: quedan aínda uns poucos lugares que preservan a calidade dos seus ceos, mais a inmensa maioría están tocados en maior ou menor medida pola luz artificial e en demasiados casos o resultado é calamitoso.

Na súa conferencia, Fabio Falchi resumiu de forma esclarecedora (infelizmente esclarecedora, debo dicir) as conclusións fundamentais do estudo. España non ten nada de que presumir: só La Palma se coloca no grupo europeo dos "bos", dominado por Alemaña, ese país que adoitamos pór como modelo para case todo menos pola súa sensata política de iluminación. Detrás de La Palma, a illa de El Hierro consegue entrar no 20% mellor das 1359 demarcacións europeas; todas as restantes españolas están situadas na metade mala da táboa, do posto 719 en diante, e 26 delas colócanse á cola, no último (e pésimo) 20%, incluídas, dáme pena dicilo, A Coruña e Pontevedra. Portugal, por certo, aínda está peor: é o estado que ten máis territorios, 13, nas últimas 50 posicións.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 245, novembro de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario