mércores, 1 de abril de 2020

Fixemos a luz... e perdemos a noite

A luz artificial en horario nocturno afecta a nosa saúde moito máis do que imaxinamos.

O verán trouxo unha triste noticia: o falecemento, a mediados de agosto, do profesor e investigador da Universidade de Connecticut Richard G. Stevens. O doutor Stevens era un prestixioso experto na epidemioloxía do cancro, un dos pioneiros no estudo do rol que desempeña a iluminación artificial na saúde humana. Un artigo seu publicado en abril de 1987 lanzaba a hipótese, baseada en evidencias experimentais, de que o uso da luz eléctrica incidía na produción de melatonina e á súa vez había unha relación entre os niveis de melatonina e o cancro de mama. O seu traballo partía dun feito intrigante: as taxas de incidencia do cancro de mama eran entón baixas en África e Asia, medias na Europa e América do Sur e altas en Estados Unidos e a Europa norte. As mulleres de Xapón presentaban unha probabilidade dese tipo de cancro cinco veces menor que as estadounidenses, "mais as taxas en Xapón están a crecer rapidamente", advertía, igual que en Islandia. Había un curioso fenómeno de "occidentalización" da enfermidade. Descartadas diversas variábeis, xurdía outra como posibilidade moitos anos ignorada a pesar de estar diante dos nosos ollos: a luz eléctrica invasora da noite como expresión máis clara (nunca mellor dito) do "progreso" nas sociedades capitalistas.

Nas últimas décadas proliferaron as investigacións sobre o impacto da luz artificial sobre os ciclos biolóxicos. Hai abundantes estudos elaborados sobre animais e xa hai, mesmo, algúns estudos epidemiolóxicos que correlacionan a iluminación exterior urbana coas taxas dalgúns tipos de cancro. É un campo de traballo efervescente, sempre coa prudencia e a calma propia da ciencia, que nunca se pode reducir a un titular rechamante. Quen queira coñecer máis sobre este asunto dispón en España dunha ferramenta extraordinaria: o libro Hicimos la luz... y perdimos la noche, escrito por Emilio J. Sánchez Barceló (1949), catedrático de Fisioloxía Humana da Universidade de Cantabria. Xunto á súa compañeira Lola Mediavilla, tamén catedrática de Fisioloxía, dedicou a súa carreira científica ao estudo das accións da melatonina, hormona fabricada pola glándula pineal cuxa produción está controlada pola cantidade de luz: sintetízase de noite, durante as horas de escuridade. En condicións naturais de alternancia de luz e escuridade, no torrente sanguíneo a concentración de melatonina é moi baixa de día e moi alta de noite. Mais esas condicións naturais de alternancia desvanecéronse na maior parte do planeta desde que Edison inventou a lámpada e iso trae consecuencias para a saúde, que detalla con rigor Emilio. Lede o libro: non vos deixará indiferentes.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 244, outubro de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario