luns, 9 de marzo de 2020

As estrelas como guía

Os humanos non somos nin moito menos a única especie neste planeta que utiliza as estrelas para orientarse polas noites.

Orientación estelar dos escaravellos peloteiros. Fonte: artigo de Dacke et al.
A xeralización, ao longo do século XX, da práctica científica do anelamento de aves permitiu un estudo máis rigoroso da vida destes animais, en particular os seus movementos migratorios. Foi posíbel obter máis información sobre as súas rutas anuais de centos ou miles de quilómetros e con iso desenvolver teorías sobre os seus mecanismos de orientación, que dependen, entre outros factores, da posición do Sol. Mais posto que moitas aves voan tamén pola noite, xurdía unha pregunta inevitábel: nun ceo escuro, como conseguían non perder o camiño?

Esta cuestión atraeu o interese dos ornitólogos E. G. Franz Sauer e Eleonore M. Sauer, da universidade de Wisconsin (EEUU). Estudaron os sistemas de orientación nocturnos de diversas especies de currucas, ao principio empregando unhas gaiolas circulares dentro das cales podían moverse libremente mais vendo só unha limitada porción de ceo. O obxectivo era comprobar se, en ausencia de calquera outra pista visual, os padróns celestes guiaban a súa navegación. O experimento deu bos resultados: os paxaros parecían escoller adecuadamente a dirección da súa migración estacional sempre que o ceo estaba despexado ou presentaba moi escasa nebulosidade, mais non acertaban cando o ceo estaba moi cuberto con nubes densas.

A habilidade das currucas estimulou un novo experimento, mais esta vez cun firmamento de mentira. Cóntano con todo detalle nun artigo de 1960, Star Navigation of Nocturnal Migrating Birds. Baixo o ceo artificial dun planetario Zeiss en Bremen, Alemaña, puxeron a proba a capacidade dos paxaros para orientarse polas estrelas, coa vantaxe de que cun planetario pódese reproducir o ceo de calquera momento e lugar e desa forma podían someter as currucas ao desafío de reaccionar ante grupos de estrelas que non se correspondían cos propios desa rexión alemá. O reloxo interno dos paxaros está normalmente en fase co tempo local, e en consecuencia "as desviacións do ceo reproducido no planetario respecto do ceo estrelado local forzaban os paxaros a certas desviacións respecto da súa ruta de migración estacional". Iso derivaba en "voos de compensación, conflito migratorio entre as rutas da primavera e o outono, ou nunha total desorientación".

Un artigo de 2008, Harbour seals can steer by the stars (Mauck, B., Gläser, N., Schlosser, W. et al.), achegou evidencias de que tamén as focas se orientan polas estrelas en experimentos nun planetario adaptado. Máis sorprendentes foron as conclusións dun equipo da universidade sueca de Lund, publicadas en xaneiro de 2013: os escaravellos peloteiros son capaces de manter un camiño razoabelmente recto pola noite utilizando como referencia non estrelas individuais, senón a banda de luz da Vía Láctea (Dung Beetles Use the Milky Way for Orientation, Dacke et al). Parece claro que moito antes de que os humanos soubéramos como desprazarnos polo planeta utilizando o firmamento como mapa, outros seres vivos xa o facían moi ben.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 243, setembro de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario