sábado, 8 de febreiro de 2020

A ameaza Starlink

Por se a contaminación luminosa non fose abondo, a inminente proliferación de satélites de comunicacións pode alterar radicalmente a paisaxe nocturna.

Imaxe do grupo de galaxias NGC 5353/4 o pasado 25 de maio, coas trazas
dos satélites Starlink por diante (Victoria Girgis/Lowell Observatory).
Un aliciente infalíbel en calquera observación pública é o paso da Estación Espacial Internacional (ISS, polas súas siglas en inglés), que orbita a 400 quilómetros sobre a superficie terrestre. Habitada sen interrupción desde novembro de 2000, podemos vela sen dificultade grazas a que os seus paneis solares reflicten a luz da nosa estrela: distínguese de noite como un punto moi brillante (a súa magnitude pode mesmo baixar de -3) que atravesa o ceo a grande velocidade, a que corresponde a un obxecto que dá unha volta ao planeta cada hora e media. Sitios web como Spot the Station ou Heavens-Above permiten localizar para cada lugar a súa hora de paso e traxectoria con absoluta precisión.

A estación espacial é un exemplo extraordinario de colaboración internacional científica e tecnolóxica. É tamén o maior obxecto posto en órbita polo ser humano, mais desde logo non o único. A Oficina das Nacións Unidas para Asuntos do Espazo Exterior cifra en 5164 os obxectos de fabricación humana actualmente no espazo, a inmensa maioría deles arredor da Terra. Igual que a ISS, cando reflicten a luz do Sol cara a nós podemos velos cruzando o ceo, aínda que o seu brillo é moitísimo menor. Con todo, calquera noite en só unha hora de observación podemos chegar a contar varias ducias de pasos de satélites con magnitude inferior a 5, e por tanto distinguíbeis a ollo espido en ceos escuros.

O 23 de maio de 2019 a compañía SpaceX lanzou os primeiros 60 satélites do seu proxecto de comunicacións Starlink. A simple vista o tren de obxectos resultaba unha aparición asombrosa (e un pouco inquietante). E isto non fixo máis que empezar. Os 720 primeiros satélites de Starlink estarán xa no espazo en 2020, mais o proxecto completo de Elon Musk aspira a colocar un total de doce mil. É un número que supera, con moito, a cantidade total de estrelas que se poden distinguir a simple vista, arredor de nove mil entre os dous hemisferios celestes. E non é a única compañía que soña con ocupar a órbita baixa para explotar o negocio das comunicacións por Internet: o "Project Kuiper" de Amazon prevé o lanzamento de 3236 satélites; OneWeb e Telesat colocarán cada unha varios centos de satélites máis.

A preocupación saltou entre as persoas que se dedican profesionalmente á astronomía. Alex Parker, do Southwest Research Institute, estimou en 500 os obxectos artificiais que poderían ser visíbeis nun momento dado. Tanto a luz reflectida como os sinais de radio destas constelacións de satélites representan un grave problema para a observación astronómica e o estudo do universo, e por iso a propia Unión Astronómica Internacional emitiu un comunicado o luns, 3 de xuño, para reclamar o establecemento dun marco regulador "que mitigue ou elimine os impactos prexudiciais na exploración científica tan axiña como sexa posíbel". Porque o ceo non pode ser xamais unha propiedade privada para uso e abuso de millonarios sen conciencia.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 241-242, xullo e agosto de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario