luns, 23 de decembro de 2019

Depende de nós

A colaboración da FAAE e Cel Fosc pon gratuitamente a disposición das asociacións unha exposición sobre contaminación luminosa.

Martin Pawley (Agrupación Ío), Blanca Troughton (FAAE) e Enric
Marco (Cel Fosc) na presentación da exposición no Congreso Estatal
de Astronomía 2018, en Cuenca.
A protección dos ceos escuros representa unha intensa liña de actividade da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. No outono de 2016 o grupo de traballo sobre contaminación luminosa da nosa agrupación creou unha exposición sobre este tema (en galego) que desde o primeiro momento prestamos a calquera centro educativo, biblioteca ou entidade sociocultural que a solicitase. Foi un rotundo éxito: desde a súa presentación percorreu case trinta espazos diferentes nunha ducia de municipios de Galicia.

Coñecedoras do seu bo funcionamento, o ano pasado a Federación de Asociaciones Astronómicas de España (FAAE) e Cel Fosc, Asociación contra la Contaminación Lumínica, acordaron producir novas copias en versión española e catalá (axiña estará dispoñíbel tamén en euskera). Non se tratou só de traducir a exposición senón de facer unha versión corrixida e aumentada. Titulada La contaminación lumínica depende de nosotros, consta de catro paneis impresos a dobre cara sobre cartón ríxido. Cada panel mide 1,7 metros de altura; o largo é 1,5 metros, aínda que realmente ocupa menos pois se dispón en zig-zag. O formato foi coidadosamente pensado desde o principio con Marta Cortacans, responsábel do deseño gráfico: posto que o desexo era mover a exposición canto máis mellor, queriamos un soporte barato e lixeiro, de fácil transporte (unha vez pregada, colle nun coche de tamaño medio) e, sobre todo, que "non necesitase paredes" e fose extremadamente sinxela de montar, basta colocala en calquera corredor, vestíbulo ou sala na que haxa superficie suficiente como para pasear entre os catro módulos.

O primeiro panel define a contaminación luminosa e os diversos prexuízos que provoca, mais tamén nos lembra que é moi fácil de corrixir e explica intervencións reais realizadas en Reus que demostran que "descontaminar" xera un grande aforro e mesmo mellora a iluminación. Ademais, lémbranos que a luz artificial non garante por si mesma a seguridade. No segundo panel fálase da dilapidación de enerxía e diñeiro que supón a contaminación luminosa, cuantificada en varios centos de millóns de euros tirados ao ceo cada ano en España. O seu potencial efecto sobre a saúde, sobre o que xa alertou máis dunha vez o maior colectivo médico dos Estados Unidos, a American Medical Association, é obxecto de atención, do mesmo xeito que o (moi preocupante) impacto ambiental, que se detalla no terceiro panel con casos variados, desde o exemplo clásico das tartarugas mariñas até as aves, as plantas ou os corais.

A luz artificial borra o firmamento nocturno, que foi ao longo da historia fonte de inspiración científica e artística. Sobre iso tamén reflexiona a exposición, que se completa cun cuarto panel ilustrado con fotografías de obxectos visíbeis a ollo ceibe e outros de ceo profundo gañadoras dos concursos que convoca a FAAE, así como frases e fragmentos literarios que evocan a beleza das noites iluminadas polas estrelas. A través do sitio web https://federacionastronomica.es/recursos/exposicion-contaminacion-luminica pódese obter máis información sobre a exposición e o procedemento para solicitala.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 240, xuño de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario