sábado, 14 de setembro de 2019

Fotóns sen fronteiras

A contaminación luminosa nun punto dado pode estar causada por fontes de luz a ducias de quilómetros. Agora é posíbel avaliar de quen é a culpa.

O Suomi National Polar-orbiting Partnership é un satélite meteorolóxico operado pola Administración Oceánica e Atmosférica Nacional dos Estados Unidos que orbita o noso planeta 14 veces ao día a 800 km de altura sobre a superficie. Os seus diversos instrumentos monitorizan variacións nos niveis de ozono, estudan a radiación térmica emitida ou reflectida pola Terra e contribúen, en xeral, a unha mellor comprensión dos modelos climáticos. A bordo vai tamén o sensor VIIRS-DNB, que rexistra imaxes en visíbel e infravermello.

VIIRS-DNB é unha ferramenta moi sensíbel, que capta baixas cantidades de luz. Detecta a iluminación artificial das cidades mais tamén luces de sistemas de navegación, lóstregos, incendios, ríos de lava ou auroras. Un adecuado procesamiento das imaxes permite descartar fontes de luz efémeras para medir fontes de fabricación humana e iso converteuno, aínda que non era a súa función inicial, nun instrumento valioso para calibrar a contaminación luminosa.

Mapa dos fluxos de luz do Concello de Guitiriz. Imaxe: Salva Bará (USC)
A análise científica permite ir máis lonxe para ofrecernos unha idea clara dos fluxos de luz entre diferentes lugares. É o que propoñen no artigo Photons without borders: quantifying light pollution transfer between territories os dous autores, Salvador Bará (Universidade de Santiago de Compostela) e Raul C. Lima (Instituto Politécnico de Porto e CITEUC de Coimbra). Bará e Lima traballan con sistemas de información xeográfica sobre as imaxes do VIIRS e manexan o adecuado aparello matemático -que fai uso de funcións de propagación luminosa definidas antes por outros investigadores, como Cinzano e Falchi ou Duriscoe- para avaliar de onde procede a luz que borra o firmamento en cada punto. Abusando da confianza, o verán pasado propúxenlles que aplicasen o método á área recreativa San Xoán, en Guitiriz, sitio de observación habitual da Agrupación Ío. O resultado foi tan interesante como sorprendente: o concello de Guitiriz non é o principal responsábel da "súa" contaminación. En noites despexadas con visibilidade media, Guitiriz produce unicamente o 12,02% do brillo cenital na área en cuestión, fronte ao 12,88% do veciño Curtis (cun cárcere e un polígono industrial como principais culpábeis), o 6,87% de Lugo ou o 6,94% da Coruña, a uns 60 km por estrada. No artigo citado analízase con detalle o caso de Xares, na Veiga, un dos ceos máis escuros de Galicia, recoñecido como destino turístico Starlight. En condicións de excepcional visibilidade, o 88% da luz que se percibe alí procede doutros municipios de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal.

É fácil extraer deste estudo unha conclusión esencial: a contaminación luminosa é un problema que non pode resolverse só a escala local. As boas prácticas dun concello poden verse anuladas pola mala xestión dos municipios limítrofes e mesmo os non tan próximos. É preciso un compromiso colectivo en favor da escuridade da noite.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 239, maio de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario