sábado, 20 de xullo de 2019

Cando empezamos a perder o ceo

Telescopio Lick en 1889. Fonte: Library of Congress.
A preocupación pola contaminación luminosa non é recente. Hai medio século algúns científicos xa fixeron soar en público os sinais de alarma.

O observatorio Lick, situado no Monte Hamilton, California, é unha das glorias da astronomía americana. Cando viu a súa primeira luz, en 1888, o seu telescopio refractor de 36 polgadas era o maior do mundo; Edward Emerson Barnard descubriu con el Amaltea, a primeira lúa de Xúpiter observada despois das catro de Galileo. Mais nos anos 60 do século XX era evidente que o seu ceo xa non valía para observar obxectos débiles ou facer fotometría. O astrónomo Merle F. Walker recibiu o encargo de explorar novas localizacións para futuros observatorios, lonxe da luz e a contaminación ambiental producida polas metrópoles da costa oeste.

Na súa minuciosa investigación, detallada en The California Site Survey (1970), Walker estimaba cal sería o nivel de contaminación luminosa da rexión en 1985, tendo en conta o ritmo de crecemento de poboación. Mais equivocouse nun aspecto importante: os 60 e 70 trouxeron a substitución masiva das lámpadas incandescentes por outras máis eficientes, primeiro as de vapor de mercurio, despois as de sodio de alta presión, que producían até seis veces máis luz por watt consumido. Moita máis luz mais tamén, en consecuencia, moita máis contaminación luminosa.

Un fabuloso artigo de Kurt W. Riegel na revista Science (Light pollution, 1973) describiu con precisión e lúcida capacidade premonitoria o que se nos viña enriba. Un dos danos producidos pola iluminación exterior era "a obsolescencia das instalacións de investigación científica", e ese custo, lembraba Riegel, "case nunca o teñen en conta as axencias que autorizan os proxectos de iluminación". Quen se facía responsábel de que observatorios históricos como Lick ou Monte Wilson, nos que durante décadas se investiu moito esforzo e diñeiro, se volveran, polo menos en parte, inservíbeis para a ciencia?

É fascinante ler hoxe ese texto. A súa exploración das causas do crecemento da contaminación luminosa é modélica, incluíndo entre elas, xunto aos avances tecnolóxicos e o incremento da actividade nocturna nas emerxentes sociedades 24/7, a percepción da luz como ferramenta infalíbel en favor da seguridade, unha idea onte e hoxe equivocada, que non se sostén con datos rigorosos. A quinta causa que enuncia soa agora, na era do LED, plenamente vixente: "Unha vigorosa, ben financiada e moi efectiva campaña de promoción e relacións públicas en favor do aumento da iluminación exterior por parte de fabricantes e provedores de equipamento luminoso, as súas organizacións empresariais e as asociacións profesionais e técnicas".

Non é estraño que uns meses despois Walker entoase noutro artigo, Light Pollution in California and Arizona, un lamento explícito: ou poñemos control á contaminación luminosa e protexemos os sitios escuros, ou poremos en perigo o futuro da astronomía realizada en terra. 46 anos despois, as súas advertencias non fixeron máis que confirmarse.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, nº 238, abril de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario