sábado, 29 de xuño de 2019

7 Estralos: Contaminación luminosa

Poucos inventos transformaron tanto as sociedades modernas, e para ben, como a iluminación artificial. Mais na actualidade tamén sabemos que o uso e o abuso da luz durante a noite ten consecuencias negativas que a ciencia empezou a desvelar nas últimas décadas. Chamámoslle contaminación luminosa a calquera
efecto adverso provocado pola luz artificial. Mais... será para tanto?

1. É un problema ambiental? É. A consecuencia dos movementos de rotación e translación do noso plane­ta, as horas de luz (o día) e de escuridade (a noite) sucédense cun ritmo que varía moi lenta­mente desde hai miles de millóns de anos. Os seres vivos desenvolveron, ao longo da evolución, mecanismos de adaptación para tirar proveito deste ritmo natural anticipándose á saída e posta do sol e aos cambios estacionais. A presenza de luz artificial pola noite cambia radicalmente as regras de xogo ao modificar un factor tan decisivo como é a natural alternancia de luz e escuridade.
Cada especie adaptouse a ese padrón para ocupar o seu espazo; algunhas precisan moita luz e outras ningunha para poder alimentarse, orientarse, migrar ou reproducirse. Meter luz a destempo facilítalle as cousas a algúns seres vivos, os de hábitos diúrnos, a forza de deixar completamente desamparados a outros, os nocturnos, e na natureza, convén recordalo, son maioría estes últimos. Non é precisa demasiada luz para producir graves alteracións e estas non se limitan á contorna dos farois: os fotóns non coñecen fronteiras e así a luz artificial das vilas e cidades mal dirixida esténdese afectando o medio a moitos quilómetros de distancia. Para un animal nocturno un nivel de luz ínfimo, inapreciable para o ser humano, pode ser crítico. Hai unha morea de exemplos estudados na literatura científica, desde aves que se desorientan ao saíren do niño e mesmo chocan —por millóns— cos edificios iluminados, ás tartarugas mariñas que nacen dos ovos nas praias mais non conseguen chegar ao mar confundidas polos farois; tamén os insectos, os morcegos, os corais, moitas especies vexetais... Cando foi a última vez que vistes un vagalume? E logo está a dilapidación de enerxía inherente á contaminación luminosa e o seu impacto no cambio climático. A preser­va­ción e defensa da natureza hoxe require —e con urxencia— a preservación e defensa da escuridade da noite.

2. Canto diñeiro custa? Moito. No Estado español calcúlase que o gasto en enerxía para iluminar a noite anda cada ano arredor dos mil millóns de euros. De usarmos máis racionalmente a iluminación nocturna, como aconte­ce en Alemaña, esa partida podería reducirse drasticamente, como mínimo un 30 %, posiblemente máis. E ese aforro produciríase vila a vila, concello a concello, pois a iluminación da noite chega a supoñer a metade do gasto eléctrico das administracións locais. Imaxinades o que daría de si un millón de euros liberados cada ano na Coruña ou Vigo para investir en educación e cultura? O que representan cen mil euros máis cada ano nunha vila pequena?

3. Que pasa coa saúde humana? Os seres huma­nos non somos unha excepción ás leis da bioloxía. Moitas das nosas variables fisiolóxicas van cambiando ao longo do día: a temperatura do corpo, a presión arterial, o estado de vixilia ou sono, a produ­ción hormonal... Esa oscilación está rexida por un sistema de regulación cuxo período libre é algo maior que 24 horas, de aí que falemos dun «ritmo circadiano», próximo, mais non exactamente igual, a un día terrestre. Para evitar a acumulación de desfases, o noso reloxo biolóxico central precisa «poñerse en hora» cada día, e o estímulo máis importante para iso é o ciclo de luz natural. Existen na retina do ollo células fotorreceptoras específi­cas, descubertas en 2002, cuxa función é indicarlle a unha rexión concreta do cerebro (o «núcleo supraquiasmático») o nivel de iluminación ambiental. A luz que chega aos ollos axuda así á correcta sincroniza­ción do sistema de regulación, tanto para activar os procesos fisiolóxicos propios da nosa condición de animais diúrnos como os correspondentes ao tempo de descanso nocturno.
Hoxe en día experimentamos un problema dobre. Polo día, gran parte da poboación recibe moita menos luz da que debería (porque pasa demasiado tempo pechada entre catro paredes, sen que lle dea a luz solar). Pola noite, porén, estamos sobreexpostos á luz tanto no exterior como no interior das casas —incluída, por certo, a das omnipresentes pantallas, desde os móbiles até as de publicidade—. Mandamos unha mensaxe equivocada ao cerebro: o nivel de luz que nos rodea non lle permite recoñecer coa suficiente claridade a diferenza entre o día e a noite, para poder dar inicio aos procesos axeitados a cada período. As alteracións que iso induce relaciónanse cunha longa e variada serie de graves patoloxías. É un campo de investigación relativamente recente, mais en pleno apoxeo: non hai semana na que non aparezan artigos e estudos ao respecto.

4. A iluminación LED mellora ou empeora a situación? A tecnoloxía LED ten grandes virtudes: pode producir luz cun baixo consumo de enerxía e dirixila con gran precisión aló onde se necesita, ten tempos brevísimos de acendido e apagado, pode graduarse en intensidade e permite unha fácil manipulación das cores. Mais, como calquera outra tecnoloxía, depende de como a usemos. Os LED son eficientes, si, mais se por selo se nos vai a cabeza e poñemos farois a esgalla a eficiencia teórica pode non traer aforro real ningún. Algo parecido sucede coa contaminación luminosa, para a cal o LED pode ser unha solución ou un problema aínda maior. Se o nivel de iluminación aumenta, por ben dirixidas que estean as lámpadas tamén aumentará a luz que reflicte o pavimento e, en consecuencia, chegará luz onde non debe chegar. Se ademais a luz LED escollida é, como pasa agora na inmensa maioría dos concellos, de alto contido en azuis (con «temperatura de cor» por riba dos 3000K), medrará aínda máis a contaminación luminosa pola maior capacidade que ten a luz azul de dispersarse na atmosfera. Empregar LED, per se, non é garantía de nada. De feito, o sistemático mal uso que se vén facendo desta tecnoloxía nos últimos anos non fixo máis que empeorar os problemas.

5. Quedan aínda sitios escuros? Cada vez menos. Segundo o Atlas mundial do brillo artificial da noite, publicado en 2016, o 80 % da poboación mundial convive con ceos contaminados. Nun ceo verdadeiramente escuro, nunha noite sen lúa deberiamos ver a ollo arredor de 4500 estrelas. Nas cidades, con sorte, veremos un cento, nos centros urbanos tal vez nin unha decena. Entre unha cifra e outra hai unha variada gama de situacións. En Galicia persisten aínda zonas con bos ceos, cun gran potencial de desenvolvemento sostible, mais mesmo estas están xa afectadas pola luz e precisamos canto antes accións que preserven nelas a calidade da noite.
As noites estreladas formaron parte da paisaxe da humanidade durante toda a historia, e alentaron a creatividade científica e artística. Sen paisaxes estreladas non teríamos a Galileo, aos Herschel (William, Caroline e John) nin a Henrietta Leavitt, que nos deu ferramentas para medir distancias no universo; mais tampouco teriamos a poesía de Walt Whitman e os cadros que pintou Van Gogh. A nosa imaxinación voou sempre nas ás da noite. A noite é necesaria: foi unha verdade poética en mans de Xosé María Díaz Castro e xa é, tamén, unha verdade científica. Somos conscientes do que perdemos cando perdemos a noite?

6. Que poden facer as administracións? No esencial, asumir que a luz artificial durante a noite actúa como un axente contaminante clásico e tratala como tal, lexislando con esa finalidade. Desde esa idea, a luz artificial debe utilizarse unicamente onde sexa necesaria, sen vertela en espazos adxacentes nin lanzala ao ceo; cando sexa precisa, evitando luces prendidas innecesariamente en horas sen tránsito nin uso; co nivel axeitado, isto é, coa intensidade imprescindible para desenvolver as tarefas (toda a luz por riba da necesaria, sobra); e co espectro adecuado, evitando as compoñentes máis contaminantes (azuis e violetas). Cómpre, ademais, facer estudos técnicos e medicións precisas para avaliar o estado das instalacións e apoiar a investigación e a divulgación neste campo. A diferenza doutras formas de contaminación, a luminosa é fácil (e barata) de evitar.

7. Que podemos facer nós? No noso ámbito privado, podemos poñer os medios para iluminar ben (que non é o mesmo que iluminar moito). Tamén podemos esixirlles ás administracións que fagan o que deben. Colaborar coa divulgación do problema para rachar cunha inercia de décadas en favor das luces sen control, que respondía á mesma idea errada de progreso que vía ben o asfaltado das carballeiras. E descubrir a noite, quen non a coñeza. Experimentar a súa escuridade, chea de vida e de estrelas, e as emocións esenciais que dela nacen. É santo remedio.

Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío), Salva Bará (Universidade de Santiago de Compostela) e Ana Ulla (Universidade de Vigo). Artigo escrito para a sección 7 Estralos da Revista Luzes, número 60, setembro de 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario