xoves, 8 de xaneiro de 2015

Cinema portugués en 2015

Miguel Gomes [© Bruno Duarte | O Som e a Fúria]
O Instituto de Cinema e do Audiovisual portugués dá conta no seu sitio web do estado en que se atopan os proxectos que recibiron apoio nos últimos anos. Da lectura do último documento, con data de decembro, despréndese a idea de que 2015 non vai ser precisamente malo para o cinema do país veciño, pois hai un bo número de filmes xa en posprodución que deberán ter estrea ao longo do ano.

No campo das longametraxes de ficción a máis agardada é As Mil e Uma Noites de Miguel Gomes, un filme en tres volumes. Da mesma produtora, O Som e a Fúria, é o novo traballo de João Nicolau, John From. João Salaviza, gañador da Palma de Ouro de Cannes e o Oso de Ouro de Berlín na categoría de curtametraxes, estreará Montanha (Filmes do Tejo II). Despois de Body Rice e Swans Hugo Vieira da Silva regresa con Posto Avançado do Progresso (Alfama Films) mentres o veterano Jorge Silva Melo ultima Fábrica de Nada: Entre Cinzeiros e Robots (Terratreme Filmes). Documentais hai varios no forno: Correspondência de Rita Azevedo Gomes (C.R.I.M.), Além das Pontes de Pierre-Marie Goulet (Duplacena), A Toca do Lobo de Catarina Mourão, de inmimente estrea mundial (Laranja azul), Diários Suspensos de Joaquim Sapinho (Rosa Filmes), The Man With a Box de Marco Martins (Filmes do Tejo II), O Espectador Espantado de Edgar Pêra (Bando á parte), Ama-San de Cláudia Varejão (Terratreme) ou Guía de Portugal de João Canijo (Midas). A listaxe medra coas curtas: O Rebocador de Jorge Cramez (C.R.I.M.), O Dia do Meu Casamento de João Canijo e Anabela Neves Moreira (Midas), A Crise Global do Sistema Financeiro de João Viana (Papaveronoir), Provas, Exorcismos de Susana Nobre (Terratreme) ou Cinzas e Brazas de Manuel Mozos (Papaveronoir).

Para máis adiante, por atoparse aínda en “fase de rodagem”, quedan as longas de ficción Caminhos da Alma de João Canijo (Midas Filmes), O Ornitólogo de João Pedro Rodrigues (Black Maria), História de Uma Surfista de Joaquim Sapinho (Rosa Filmes) e Lamento da Vida Jovem de Pedro Costa (Optec); os documentais Sombra Branca de Susana de Sousa Dias (Kintop) e As Minhas Mãos Não Ardem? de Teresa Villaverde (Alce Filmes) e a curta de Sandro Aguilar Comboios e Fantasmas (O Som e a Fúria). Algunha(s) destas, en calquera caso, si habemos de chegar a vela en 2015.

Martin Pawley

2 comentarios:

  1. Impensable este grado e expectación cos filmes subvencionados do ICAA ou AGADIC. Isto denota o nivel dunha e doutras cinematografías.

    ResponderEliminar
  2. O grande do cinema portugués é que non deixan de xurdir nomes interesantes. É a mellor cinematografía europea (quitado Francia), igual que Arxentina é a mellor cinematografía americana (quitado os EEUU).

    ResponderEliminar